A Policía alemá investiga as mortes de cinco persoas, tres delas achadas nunha pensión atravesadas por frechas disparadas por unha ballesta e as outras dúas aparecidas sen vida na vivenda dunha desas vítimas, en circunstancias non aclaradas.
Fontes da fiscalía de Passau (sur) confirmaron este luns o achado dos cadáveres de dúas mulleres mortas no domicilio dunha das persoas que o sábado se atoparon mortas tamén nunha apartada pensión da cidade bábara.
Polo momento non se deron detalles sobre as dúas mortes reveladas este luns, á marxe de que os seus corpos estaban na casa dunha das vítimas anteriores, na localidade de Gifhorn, no "Land" de Baixa Sajonia (centro do país).
Os cadáveres das outras tres persoas, dúas mulleres e un home, estaban atravesados por frechas e na habitación tripla que ocupaban atopáronse dúas ballestas.
A policía investiga aínda a relación entre esas tres persoas, de 53 anos, o home, e de 33 e 30, as dúas mulleres, que chegaran á pensión o venres, aínda que se descoñece se o fixeron xuntas.
Segundo relata o sensacionalista diario "Bild", os seus corpos foron achados o sábado por unha empregada da pensión, que abriu a porta da habitación tras comprobar que ninguén respondía ás súas chamadas.
O home e unha das mulleres xacían na cama, segundo ese rotativo, mentres que a terceira xacía tirada no chan.
A autopsia deberá concretar agora as circunstancias destes asasinatos e se interviñeron outras persoas no ocorrido.
En Alemaña non se necesita licenza de armas para adquirir ballestas, senón que basta con ser maior de 18 anos, precisa "Bild".