A Policía británica indaga se hai unha mafia tras a morte de 39 inmigrantes, de orixe chinesa

As persoas achadas mortas nun camión frigorífico son 31 homes e 8 mulleres ► O condutor é ata agora o único detido
El camión frigorífico en el que se encontraron los 39 cuerpos en Essex. EFE
photo_camera O camión frigorífico no que se atoparon os 39 corpos en Essex. EFE

Os 39 cadáveres achados nun camión frigorífico nun polígono industrial inglés corresponden a cidadáns "de orixe chinesa", segundo confirmou este xoves a Policía británica, que trata de establecer se detrás da traxedia opera unha mafia de tráfico de persoas. Os axentes do corpo policial de Essex, no leste do país, proseguiron co interrogatorio do único sospeitoso ata a data pola morte deses 31 homes e 8 mulleres: un home de 25 anos, natural de Portadown (Irlanda do Norte), que conducía o vehículo e ao que os medios identificaron como Mo Robinson. 

Trátase do peor suceso deste tipo rexistrado no Reino Unido desde que no 2000 aparecesen asfixiados nun colector en Dover (Kent) os cadáveres de 58 inmigrantes de orixe chinesa, que pagaran para ser introducidos irregularmente neste país. 

Segundo medios locais, a Policía de Essex, onde se atopou o camión —no polígono Waterglade Industrial Park, da localidade de Grays— investiga tamén a posibilidade de que unha desas bandas criminais leve a cabo as súas actividades en Irlanda do Norte, traficando con persoas para vendelas a redes ilegais. 

Fontes citadas pola prensa aseguran que foi o propio condutor quen chamou aos servizos de urxencia tras achar os corpos sen vida. O concelleiro norirlandés Paul Berry dixo este xoves que a familia do detido se atopa en estado "de auténtico shock" e confía en que a pescuda clarifique a súa suposta implicación involuntaria.

A Policía de Essex afronta a "maior investigación por asasinato" da súa historia

Nun comunicado, as forzas da orde corroboraron que das 39 vítimas, "estímase que 38 son adultos e unha é unha muller nova". "Previamente informaramos de que esta podía ser adolescente. Pero podemos confirmar que oito dos mortos son mulleres e 31 homes, e estímase que son todos chineses. Arrestamos un home baixo a sospeita de asasinato", engade a nota.

Ese corpo policial, que acomete a "maior investigación por asasinato" da súa historia, rexistrou tres propiedades no Condado de Armagh, en Irlanda do Norte, entre elas supostamente o domicilio do condutor en Markethill e a súa vivenda familiar en Laurelvale. 

Os axentes "retiraron o camión do polígono industrial para permitir que leve a cabo a seguinte fase da investigación en paz" e a fin de preservar a "dignidade" das vítimas. "Cada unha das 39 persoas debe ser sometida a un proceso completo de autopsia para establecer a causa da morte, antes de intentar identificar a cada individuo", explicou a Policía, que prevé unha "operación substancial", que levará tempo. 

Se nun principio se pensou que o camión viña de Bulgaria, máis tarde esclareceuse que entrou procedente de Bélxica. Ao parecer, chegou na madrugada do mércores á localidade de Purfleet, a beiras do río Támesis, nun transbordador procedente da localidade belga de Zeebrugge, onde as autoridades empezaron xa unha investigación paralela.

Comentarios