O PP non irá á marcha do 8-M ao considerar que a monopoliza a "extrema esquerda"

As mulleres de En Marea, PSdeG e BNG farán folga mentres o PPdeG apela " liberdade" dos seus membros para secundala

Pablo Casado MARISCAL (Efe)
photo_camera Pablo Casado MARISCAL (Efe)

O PP confirmou este mércores que non estará presente na manifestación do 8 de marzo polo Día Internacional da Muller tras coñecer o "manifesto politizado e partidista". Ao seu entender, os partidos de "extrema esquerda" pretenden "monopolizar" esta convocatoria "buscando a división e enfrontamento entre homes e mulleres". 

Este mércores, tres vicesecretarias do PP, Cuca Gamarra (Política Social), Marta González (Comunicación), Andrea Levy (Estudos e Programas) e a secretaria de Igualdade desta formación, Mari Mar Blanco, anunciaran que acudirían á manifestación de Madrid, que será este venres ás 19.00 horas de Atocha a Praza de España. 

Con todo, o PP difundiu esta tarde un comunicado para anunciar que non estarán presentes nesa mobilización do 8M, unha decisión que achacou ao manifesto "politizado e partidista" que coñeceron despois. 

EN GALICIA. A Xunta e os principais grupos políticos de Galicia –PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG– apoiarán a celebración do 8 de marzo, xa sexa a través de diferentes actos, secundando a xornada de folga ou asistindo ás concentracións previstas para as 20.00 horas en diferentes cidades e municipios. 

Pola súa banda, o PPdeG indica que a intención da formación é que as mulleres teñan "total liberdade" para participar en calquera tipo de paro ou manifestación que haxa convocada. En canto ao grupo no Parlamento galego, as deputadas populares poderán tamén non acudir ás dúas comisións que hai previstas para ese día. 

As conselleiras de Medio Ambiente e Igualdade xa confirmaron que non secundarán o paro

Segundo informa Europa Press, a Xunta celebrará a xornada cunha concentración na súa sede de San Caetano que estará aberta a todos os funcionarios e cargos públicos.

Con todo, tanto a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, como a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, xa confirmaron este mércores que non secundarán o paro, posto que manterán un encontro con mulleres da cooperativa Clun. 

Tampouco fará folga a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nin está previsto que a fagan a conselleira de Educación, Carmen Pomar; do Mar, Rosa Quintana; nin de Política Social, Fabiola García.

Así afectarán os servizos mínimos a Renfe
Renfe suprimiu 107 trens Ave e Longa Distancia para este venres, 8 de marzo, o 28% dos inicialmente programados, con motivo dos paros convocados por distintos sindicatos para esa xornada con motivo do Día Internacional da Muller. 

No caso dos trens de Media Distancia, os de traxectos rexionais, os servizos esenciais fixan a circulación do 65% do total, co que se suprimirán 224 servizos da oferta habitual dun venres. 

Respecto de Proximidades, Fomento estableceu que ese día circulen o 50% dos trens, porcentaxe que se eleva ata o 75% no caso das franxas de hora punta. 

Fomento garante o 100% dos voos coas illas, o 38% dos servizos domésticos con alternativas de transporte en traxectos inferiores ás cinco horas; e o 57% no resto de operacións, así como en voos internacionais. 
 

Comentarios