O PP ve "inaudito" que Sánchez queira indultar ao home que axudou a morrer á súa muller en Madrid

A galega Marta González arremete contra o presidente do Goberno, que prometeu regular a eutanasia

Marta González. EP
photo_camera Marta González. EP

A vicesecretaria de Comunicación do PP, Marta González, tachou este venres de "inaudito" que o presidente do Goberno e candidato do PSOE ás próximas eleccións, Pedro Sánchez, se atrevese a lanzar a "posibilidade" de indultar ao home que foi detido por axudar a morrer á súa muller e tamén que aproveitase para "lanzar un ataque frontal" a outras forzas que contenden con el nas eleccións. 

Pedro Sánchez prometeu o xoves nunha entrevista en Telecinco que se obtén maioría suficiente para logralo regulará a eutanasia, e "non haberá unha minoría que o poida bloquear", como ata agora fixeron o PP e Ciudadanos, segundo denunciou. 

Ademais, preguntado por se indultaría ao marido desta muller, o xefe do Executivo sinalou que o caso está en mans da xustiza e da fiscalía, pero admitiu que el, "obviamente", ten "esa sensibilidade e esa proximidade política de decisión co marido de María José".

A dirixente do PP dixo nunha conferencia de prensa en Santiago de Compostela que nestes momentos "o máis conveniente é mostrar afecto e solidariedade polas persoas, as familias, afectadas por unha situación tan terrible como a coñecida onte, por encima de calquera outro comentario".

Na súa intervención recordou as distintas iniciativas debatidas no Congreso sobre esta cuestión durante a última lexislatura, unha de Podemos que foi rexeitada e outras dúas de ERC e de PSOE que pasaron a admisión a trámite. 

Ademais, citou outro texto, neste caso de Ciudadanos, "que non era sobre a eutanasia" pero que contou "con case a totalidade de apoios" por parte dos grupos e no que se traballou ata o final, ata a convocatoria de eleccións. 

Este texto, aclarou, era sobre as disposicións e a dignidade no proceso de finalización da vida; e é o texto co que o PP se atopa máis cómodo; conseguir que cando chega ese proceso final se produza sen dor, do xeito o máis tranquilo posible, pacífico... Aí é onde atopamos consenso de todos os grupos parlamentarios e tamén con apoio maioritario da profesión médica", sinalou. 

González defendeu que "antes de lanzar mensaxes precipitadas e electoralistas como os que mandou este xoves Pedro Sánchez, utilizando de xeito inaudito o ocorrido para lanzar unha mensaxe contra o PP e Ciudadanos, esquecendo a dor das persoas, por encima está escoitar as opinións da profesión médica, quizá os que teñen unha maior autoridade para falar da solución que o Congreso e o Senado teñen que dar a esta problemática".

Comentarios