O presentador Jorge Javier Vázquez sufriu un derrame cerebral

Non sofre afectacións neurolóxicas tras a hemorraxia cranial e recupérase de forma satisfactoria

Jorge Javier Vázquez. TELECINCO
photo_camera Jorge Javier Vázquez. TELECINCO

Jorge Javier Vázquez, presentador estrela dos espazos de telerrealidade de Mediaset, está ingresado no Hospital Universitario Sanitas A Zarzuela de Madrid por mor dun derrame cerebral que non lle deixou afectacións neurolóxicas e do que se recupera de forma favorable. Segundo o parte médico feito público este mércores, Vázquez "ingresou no hospital o 16 de marzo cun cadro de hemorraxia subaracnoidea de orixe aneurismático que foi tratada por vía endovascular cun resultado plenamente satisfactorio".

"Durante o seu ingreso, o paciente estivo en todo momento consciente, sen afectacións neurolóxicas e hemodinámicamente estable. A evolución do seu cadro clínico está a ser favorable", engade o comunicado remitido polo centro.

Jorge Javier Vázquez, que ata este mércores gardou silencio sobre a súa doenza, agradeceu tanto "as mostras de agarimo recibidas nos últimos días" como ao equipo facultativo que lle atendeu desde o seu ingreso hospitalario, liderado polo doutor José Luis Caniego do Servizo de Radioloxía Intervencionista.

O presentador foi operado de urxencia o luns tras ingresar no hospital o sábado onde lle detectaron "algo grave", segundo explicou aos espectadores do programa de Telecinco Sálvame a súa presentadora, Carlota Corredera. Segundo indicou en directo, Vázquez (1970) ingresou o pasado sábado nun hospital de Madrid, foi sometido a varias probas e, tras descubrir o resultado, os médicos decidiron operalo de urxencia o luns pola tarde, unha intervención "que durou dúas horas".

"Jorge Javier levaba unha semana que non se atopaba ben. O sábado decidiu ingresar nun hospital madrileño. Non chegou a saír de Madrid como se dixo -tiña unha actuación en Tudela-. O luns fixéronlle unha proba e o resultado era grave, preocupante, tanto que decidiron operalo de urxencia. Eu non vou contar que tipo de operación nin de que. Só a el lle corresponde dicilo", dixo en Sálvame.

Comentarios