Propoñen vender Montana a Canadá por un billón de dólares

A petición, que suma máis de 13.000 firmas, ten como obxectivo eliminar a débeda nacional

Unha petición publicada na páxina Change.org que propón vender o estado de Montana a Canadá por 1 billón de dólares para "eliminar a débeda nacional" xa conseguiu máis de 13.000 firmas de apoio aos poucos días de aparecer.

A petición, iniciada por Ian Hammond, sinala que Estados Unidos ten "demasiada débeda e Montana é inútil". "Simplemente digámoslles (aos canadenses) que ten castores ou algo", suxire Hammond como estratexia para convencer a Canadá.

Este mes, a débeda nacional de Estados Unidos situouse en 22 billóns de dólares, polo que incluso se Canadá aceptase pagar a cifra proposta pola petición, os estadounidenses aínda terían que atopar outros 21 billóns para cancelar a súa débeda.

Montana, situada no extremo norte de Estados Unidos, ten fronteira con tres provincias canadenses: Columbia Británica, Alberta e Saskatchewan.

E aínda que obviamente a petición é unha proposta humorística, a idea parece que está a gañar tracción a ambos os dous lados da fronteira a pesar de que o martes o Comité de Administración da Cámara de Representantes do estado de Montana xa a rexeitou. Pero incluso entre os 20 membros dese comité, a idea de vender Montana a Canadá obtivo o apoio de cinco persoas porque a votación resolveuse con 15 votos en contra e 5 a favor.

Na páxina de Change.org, un estadounidense identificado como C.J. Williams di ser de Montana e expresa o seu desexo de unirse a Canadá "sen os custos da mudanza".
"Fagámolo. Por favor, que nos adopten", agrega. Mentres, un canadense identificado como Edgar Desrochers apoia a compra porque "facer Canadá incluso máis grande é fantástico". Canadá é o segundo país máis extenso do mundo detrás de Rusia.

En xaneiro, outra iniciativa apareceu na páxina de peticións da Casa Branca para devolver a Canadá o chamado Ángulo Noroeste, unha porción de terra de 320 quilómetros cadrados situada ao norte de Minesota e na que viven unhas 120 persoas, pero que está situada no interior de Canadá.

A petición, chamada "Devolución a Canadá do Ángulo Noroeste localizado en Manitoba (unha das provincias canadenses) sinala que o territorio forma parte de EE.UU. simplemente por un erro cartográfico. A petición non foi considerada porque se pechou o 29 de xaneiro con 5.554 firmas de apoio, cando necesitaba 100.000 para continuar o seu proceso.

A compra de territorios non é algo alleo á historia de Estados Unidos. De feito, ao longo da súa historia o país adquiriu grandes áreas de terra que agora forman parte integral de Estados Unidos. A primeira adquisición foi a compra a Francia de Luisiana por 15 millóns de dólares en 1803. Alaska foi adquirida ao imperio ruso en 1867 por 7,2 millóns de dólares. 

Comentarios