Puigdemont advirte ao Goberno de que en outono remata o "período de graza"

O expresident da Generalitat abandona Alemaña tras catro meses

Puigdemont, desde su casa de Waterloo. MARTA BORRÁS (EFE)
photo_camera Carles Puigdemont. HAYOUNG JEON (EFE)

O expresidente catalán Carles Puigdemont, fuxido da xustiza española polo proceso independentista en Cataluña, advertiu este sábado ao goberno español que no outono termina o "período de graza" e que o apoio independentista no Congreso "non é un cheque en branco".

As declaracións de Puigdemont realizáronse en rolda de prensa, tras a súa volta a Bélxica desde Alemaña, xunto ao actual presidente da Generalitat de Cataluña, Quim Torra. "Setembro, outubro, tampouco é que poñamos un día concreto no calendario", dixo Puigdemont, "pero é razoable pensar que tras o verán, ao retomar o curso, (Sánchez) nos ilumine sobre cal é a súa receita" para Cataluña.

Torra lembrou que no seu encontro co presidente do goberno español, Pedro Sánchez, o pasado 9 de xullo, xa lle dixo que terían "un outono complicado" e reiterou que a postura do executivo autónomo de Cataluña é "diálogo, diálogo, diálogo", sen descartar opcións como a dunha "mediación" co Goberno central.

Puigdemont quixo aclarar que non se trata de "condicionar" o apoio a Sánchez do seu partido, o PDeCAT, no Congreso español, pero que é de "sentido común" esperar que "se un presta un apoio, se lle corresponda". "Esperamos que Sánchez aproveite o verán para facer os deberes", engadiu.

Preguntados sobre ata que punto é condición sine qua non un referendo de independencia para esa "receita política" que piden a Sánchez, Torra sinalou que "esta lexislatura vai de dereito á autodeterminación, de presos políticos e exiliados".

Puigdemont, pola súa banda, dixo que "a vía prioritaria", a "mellor para todos" é alcanzar "acordos bilaterais", aínda que non aclarou se renuncia completamente á vía unilateral como último recurso. O expresidente fuxido compareceu este sábado por primeira vez tras o seu regreso a Bélxica xunto a Torra e unha delegación da Generalitat catalá.

Nunha rolda de prensa con gran presenza de medios internacionais, Puigdemont foi preguntado polo seu apoio desde Cataluña e por quen é agora o presidente da Generalitat. "O presidente é Quim Torra. É o que xestiona (...) e quen comparece ante o Parlament", afirmou.

Puigdemont explicou que Bélxica "non é a súa última parada" pois pensa viaxar "ata o último recuncho de Europa" en defensa da "xusta causa do pobo catalán" e ata que sexan postos en liberdade todos os independentistas en prisión. "Hoxe é un día importante no terreo político pero tamén no emocional", afirmou Puigdemont, que explicou que tardou "catro meses e catro días" en chegar a Bruxelas, onde viaxaba cando foi detido en Alemaña en cumprimento dunha euroorde de detención que foi retirada o pasado xoves polo Tribunal Supremo español.

O expresidente catalán e varios dos outros exconselleiros fuxidos, están acusados en España de delitos de rebelión e malversación, entre outros. Tribunais de Bélxica e Alemaña denegaron con todo a extradición en execución das euroordes contra eles pola totalidade dos delitos, especialmente polo que respecta ao de rebelión.

Comentarios