Puigdemont, en liberdade sen fianza con condicións tras comparecer en Bélxica

O expresidente catalán acudiu a dependencias xudiciais acompañado dos seus abogados
Carles Puigdemont. OLIVIER HOSLET (EFE)
photo_camera Carles Puigdemont, durante unha protesta desta semana en Bélxica. OLIVIER HOSLET (EFE)

O expresidente da Generalitat de Cataluña Carles Puigdemont, fuxido en Bélxica desde 2017 e perseguido en España por presuntos delitos de sedición e malversación na causa do procés, quedou este venres en liberdade sen fianza pero con condicións, tras comparecer ante a Xustiza belga.

Segundo informou Puigdemont á prensa tras presentarse voluntariamente ante as autoridades belgas, deberá informar de se ten intención de saír de Bélxica e manter unha residencia fixa no país. 

Por outra banda, o xuíz instrutor da causa, Pablo Llarena, anunciou que comunicará de forma inmediata ás autoridades belgas que o expresidente da Generalitat non ten inmunidade ao non ser membro do Parlamento Europeo.

Non o é, segundo explicará Llarena a Bélxica, porque non acudiu a Madrid tras ser elixido europarlamentario a acatar presencialmente a Constitución ante a Xunta Electoral Central, como esixe o artigo 224 da Lei Orgánica de Réxime Electoral, e, como consecuencia, non tomou posesión do seu escano.

Son os dous principais argumentos que esgrimirá o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena nun escrito ante as autoridades belgas en resposta á consulta que estas elevaron na madrugada deste venres, segundo informaron fontes do alto tribunal.

En calquera caso, Llarena indicaralles que a confirmación de que Puigdemont non é membro do Parlamento Europeo pode instarse directamente á Eurocámara.

EUROORDE. O pasado luns día 13, horas despois de que o Tribunal Supremo ditase a sentenza sobre o xuízo do procés, o xuíz Pablo Llarena decidiu cursar por terceira vez unha orde europea de detención e entrega contra Puigdemont.

O seu avogado en Bélxica, Paul Bekaert, dixo xa o luns que Puigdemont colaboraría coa xustiza belga e non se escondería cando as autoridades do país recibisen a euroorden emitida polo Supremo.

"Falaremos co fiscal e o meu cliente; se é convocado a ir ante o xuíz, non se esconderá. Colaborará coa xustiza belga. Confía na xustiza belga. Esa é a razón pola que está en Bruxelas", dixo Bekaert.

Comentarios