Puigdemont a Pedro Sánchez: "¿Vóstede quéreme secuestrar?"

O extitular da Generalitat replica ao socialista despois de que o presidente en funcións asegurase que o faría volver a España
Puigdemont. EFE
photo_camera Puigdemont, durante unha rolda de prensa este luns en Bruxelas. EFE

O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont replicou este martes ao presidente do Goberno en funcións, que o luns se comprometeu a facelo volver a España durante a súa intervención no debate electoral. "¿Vostede quéreme secuestrar, señor Pedro Sánchez?", dixo, aludindo ás prácticas dos GAL en época de Goberno de Felipe González.

Nun vídeo difundido a través das redes sociais, Puigdemont quixo lanzar unha mensaxe a Pedro Sánchez en relación co compromiso de conseguir que o expresident sexa extraditado a España desde Bélxica. "Só ten dous xeitos de cumprir esta promesa, e ambas son ilegais, son contrarias ao dereito da Unión Europea e á democracia", advertiu.

Unha —concretou— é que Sánchez "tome desde o Consello de Ministros as decisións que nunha democracia consolidada só pode tomar o poder xudicial". "Se vostede respecta a Constitución que tanto di defender, isto non o pode facer", recalca.

"A outra (maneira) é practicar o mesmo que un ministro e outros dirixentes do Partido Socialista xa practicaron no pasado e que vostede seguramente xustifica: o secuestro de persoas. ¿Vostede quéreme secuestrar, señor Pedro Sánchez?", preguntou ao presidente do Goberno en funcións e candidato do PSOE á reelección.

Comentarios