Rodrigo Rato enfróntase a 8,5 anos de cárcere por falsidade e estafa en Bankia

A Fiscalía Anticorrupción elevou este luns a súa petición de cárcere (inicialmente pedíalle cinco anos) ao engadir o delito de falsidade contable
Rodrigo Rato, a su llegada a los juzgados. RODRIGO JIMÉNEZ (EFE)
photo_camera Rodrigo Rato, á súa chegada aos xulgados. RODRIGO JIMÉNEZ (EFE)

O exdirector xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI) Rodrigo Rato enfróntase a oito anos e medio de cárcere no xuízo que leva na Audiencia Nacional española pola saída a bolsa de Bankia, entidade bancaria que presidiu.

A Fiscalía Anticorrupción elevou este luns a súa petición de cárcere (inicialmente pedíalle cinco anos) ao engadir o delito de falsidade contable ao delito de estafa aos investidores. A ampliación da acusación estendeuse a outras dez persoas, entre elas o exministro do Interior Ángel Acebes e un socio da firma auditora Deloitte.

Bankia formouse en decembro de 2010 pola fusión de Caja Madrid e outras caixas de aforros (bancos semipúblicos rexionais) con problemas financeiros; e captou 3.092 millóns de euros no debut bolsista de xullo de 2011, cando 180.000 pequenos investidores compraron accións.

A Fiscalía considera que tanto Rato como outros directivos da entidade ocultaron que o negocio de Bankia non era viable nunha contorna de crise sen recibir axudas públicas, de maneira que actuarían para obter "custe o que custe" os fondos.

O ministerio público destaca especialmente a responsabilidade de Rato e do expresidente de Bancaja, outra das entidades que conformaron Bankia, Luis Olivas, e considera que ambos tiveron unha "especial responsabilidade" en que a saída a bolsa se levase a cabo "subtraendo aos investidores a información esencial acerca da verdadeira situación patrimonial" da entidade e a súa inviabilidade.

O colapso de Bankia, prosegue o ministerio fiscal, "non pode entenderse como algo desligado da inadecuada xestión precedente das caixas de aforro e, en concreto, de Caja Madrid e Bancaja", que lanzaron unha expansión crediticia de alto "risco", segundo a Fiscalía, á fronte das cales estiveron, respectivamente, Rato e Olivas.

Bankia sufriu unha importante crise e tivo que recibir un total de 22.000 millóns de euros en axudas públicas procedentes dun préstamo internacional para tapar un gran buraco nas súas contas, o que representa o maior rescate financeiro da historia da banca española.

Antes de facerse cargo de Bankia Rato foi director xerente do FMI (2004 a 2007) e responsable de economía nos gobernos do conservador José María Aznar (PP), desde 1996 ao ano 2000, quen chegou a cualificalo como o artífice do milagre económico deses anos en España.

O expolítico conservador está en prisión desde o pasado mes de outubro, tras ser condenado a catro anos e medio de cárcere por manter, xunto a outros reos, un sistema de cartóns de crédito de uso persoal, opaco e ilimitado, que tiñan á súa disposición os principais directivos de Bankia.

Ademais, está a ser xulgado tamén por un delito de corrupción polos contratos publicitarios desa entidade financeira, polo que a Fiscalía lle pide catro anos de prisión e unha multa de 4,5 millóns de euros por favorecer supostamente a dúas empresas publicitarias nos contratos de Bankia a cambio de comisións por dous millóns de euros.

Comentarios