Salvador Illa: "Non podemos pór un policía en cada casa"

O ministro sostén que as medidas para evitar a propagación do virus en Nadal son "moi drásticas"
Salvador Illa. R. RUBIO
photo_camera Salvador Illa. R. LOURO

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, defendeu que as medidas para evitar a propagación do virus en Nadal son "moi drásticas", pero o seu éxito dependerá da responsabilidade cidadá porque non se pode controlar o que sucede en todos os fogares. 

"Non podemos pór un policía en cada casa", subliñou Illa na presentación da campaña publicitaria do Ministerio para un Nadal seguro. 

Garantiu que as medidas para o Nadal son "axustadas á realidade" para "non dilapidar o que se conseguiu con tanto esforzo", pero recoñeceu que se poderán modificar se a evolución da pandemia é mala. 

"Nun día como hoxe hai que pór o acento máis en cumprir as medidas que acordamos que en pensar en novas medidas. Son medidas moi drásticas", aseverou Illa. 

O titular de Sanidade incidiu en que as medidas acordadas coas comunidades autónomas (limitación de dez persoas nas reunións de Noiteboa e Noitevella, límite horario á 1.30 e prohibición de desprazamentos salvo para familiares, son de obrigado "cumprimento". 

Por iso, haberá controis aleatorios de mobilidade, como houbo na ponte da Constitución, pero Illa fixo un chamamento á responsabilidade individual. 

"Coa covid non se xoga, vaiamos con coidados", afirmou o ministro, que recordou que os gromos máis importantes de covid-19 están a rexistrarse no ámbito social e familiar porque é onde os cidadáns se senten máis relaxados e teñen unha menor sensación de perigo. 

O ministro asegurou que a poboación española "vai ter unha resposta moi positiva" á vacinación contra a covid-19, xa que as vacinas que autorice a Axencia Europea do Medicamento van ser seguras e eficaces e van contar coa "garantía do marco regulatorio europeo". 

Illa recoñeceu que haberá que explicar ben que as vacinas salvaron vidas e que esta vacina tamén vai salvar vidas, unha comunicación que se orientará tanto á cidadanía como aos profesionais sanitarios. 

O ministro incidiu en que as vacinas que se administren en España e en Europa recibiron moitos recursos para a súa investigación. Ademais, destacou que a vacinación da gripe aumentou este ano un 40%, especialmente entre os profesionais sanitarios –nalgunhas comunidades autónomas este colectivo chegou a vacinarse ata nun 80%–, o que considera un bo presaxio de face á resposta dos cidadáns á vacina anticovid. 

"É normal que a cidadanía queira asegurarse e coñecer todos os pormenores da vacina, pero temos toda a confianza en que a campaña de vacinación vai ter unha porcentaxe de aceptación moi positiva", dixo. 

En canto á distribución de test de anticorpos en farmacias para o autodiagnóstico, Illa indicou que hai que ser prudentes porque en absoluto son "un pasaporte de seguridade" e o seu resultado positivo ha de ser confirmado por unha PCR dun centro de saúde. 

En canto aos protocolos que distintas comunidades trasladaron ao Ministerio de Sanidade, están a estudarse e espérase poder adoptar unha decisión ao longo desta semana. 

Comentarios