Sánchez admite que hai "desconfianza recíproca" entre PSOE e Podemos

O presidente do Goberno reuniuse con Felipe VI no Palacio de Marivent
Sánchez y el Rey, en el despacho de verano en Marivent. BALLESTEROS
photo_camera Sánchez y el Rey, en el despacho de verano en Marivent. BALLESTEROS

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirmou este mércores que el coincide co Rei na percepción de que os españois non queren unha repetición electoral, e asegurou que el traballará para conseguir formar goberno, aínda que recoñeceu que, tras as negociacións erradas con Unidas Podemos, entre estes e o PSOE hai unha "desconfianza" que é "recíproca". 

Así o afirmou nunha breve comparecencia tras reunirse con Felipe VI no Palacio de Marivent, en Palma de Mallorca, un despacho ao que chegou con case unha hora de atraso xa que antes de viaxar a Palma programou un dos encontros sectoriais nos que se embarcou co fin de actualizar o seu programa de goberno. 

Segundo informou o Palacio da Moncloa, Sánchez trasladoulle ao Rei a necesidade de que se forme Goberno canto antes, "para poder afrontar con urxencia os grandes retos aos que se enfronta España" e transmitiulle o seu desexo de evitar a repetición de eleccións. Tamén lle informou da súa rolda de reunións con distintos colectivos. 

Con esas reunións, Sánchez aspira a presentar unha proposta co fin de solicitar o "apoio" de Unidas Podemos e, para non depender do independentismo, a abstención de PP e Ciudadanos. A estes acusounos de bloquear a formación do único goberno posible por intereses "partidarios".

DÁ POR REXEITADO O GOBERNO DE COALICIÓN. Con Podemos, dixo, podería negociarse unha fórmula como a que existe en Portugal –un acordo programático–, "un acordo de investidura ou de lexislatura", pero non unha coalición de goberno, porque os de Pablo Iglesias xa a rexeitaron.

Neste punto, recordou a Iglesias que o seu argumento para insistir na coalición era a súa "suposta desconfianza" no PSOE como gobernante e advertiulle de que, de tanto ouvirllo, terminou por desconfiar el de Podemos tamén. "É recíproca esa desconfianza, e máxime cando a investidura fallou", remachou. 

Doutra banda, acusou a Unidas Podemos de pretender crear "dous gobernos nun e non un cohesionado e plural, e opinou que as declaracións recentes dos seus dirixentes demostran que iso non cambiou.

UNHA "LECTURA CRÍTICA" DA INVESTIDURA. "Continúa a desconfianza e a súa formulación de goberno de compartimentación", constatou, para acto seguido recoñecer que é evidente que "hai que buscar fórmulas". "Non tiro a toalla, pero si saco unha lectura crítica do que ocorreu na investidura", dixo Sánchez, xustificando así a súa decisión de empezar "de cero" e facelo "polos contidos". 

Segundo dixo, todos os seus interlocutores expresaron "a petición urxente da constitución dun goberno xa", porque hai moitos problemas que resolver con urxencia. O que non se pode, abundou, é "fiar a boa marcha da economía e a creación de emprego ao ciclo económico", senón que será necesario facer reformas, e para iso é necesario un goberno en plenitude de funcións. 

Esta foi a primeira comparecencia de Sánchez desde que o xefe de Estado manifestou publicamente que o mellor sería atopar unha solución antes de que se teñan que convocar eleccións. A xuízo do líder socialista, o Rei expresou "con moito acerto" o que queren a gran maioría de españois.

"MOITO ACERTO" NAS PALABRAS DO REI. É máis, na súa opinión, o que os españois queren é que se materialice o resultado das urnas e que haxa "un goberno progresista que non dependa do independentismo". Para iso, reclamou a abstención de PP e de Ciudadanos e acusounos de bloquear a única opción de goberno posible "por un interese absolutamente partidario, que nada ten que ver co interese xeral". 

Con todo, evitou responder á pregunta de se se arrepinte da súa 'non é non' a Mariano Rajoy en 2016 ou se segue pensando, como entón, que pode gobernar un líder que non sexa o máis votado. No seu lugar, optou por dicir que entre PSOE e PP existe a "diferenza significativa" de que o PSOE "sempre asumiu a súa responsabilidade" mentres que Rajoy en 2016 declinou o encargo do Rei para non afrontar unha investidura errada. 

Agora, dixo, el pide ao PP responsabilidade tendo en conta que non é posible un goberno alternativo a un liderado polo PSOE. Cando expoñen "outras opcións", dixo, os 'populares' están a deixar claro que non apoiarán un goberno socialista, e xa que logo "o que están a facer é abocar ao país a unha repetición electoral, que é unha tremenda irresponsabilidade". 

Convencido de que os cidadáns queren un goberno que non dependa do independentismo, deixou claro que non está nos seus plans falar con ERC nin con JxCat para a investidura, senón que se centrará en facelo cos líderes das "tres grandes forzas" que "verdadeiramente teñen a chave para desbloquear": Pablo Iglesias (Unidas Podemos), Pablo Casado (PP) e Albert Rivera (Ciudadanos), de quen espera que "nesta ocasión, se digne" a falar con el.

Comentarios