Sánchez chama ás grandes superficies a facer "autocrítica" polos baixos prezos do campo

Insta a introducir máis transparencia na cadea para defender ao pequeno e mediano agricultor ou gandeiro
Pedro Sánchez. EFE
photo_camera Pedro Sánchez. EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediu este mércores ás grandes superficies de distribución que fagan "autocrítica" pola caída de prezos na agricultura, á vez que advertiu da necesidade de introducir maior transparencia na cadea. "É

 evidente que as grandes distribuidoras teñen que facer un exame, unha autocrítica e temos que introducir moitísima máis transparencia para defender ao pequeno e mediano agricultor e gandeiro", declarou á prensa en Bruxelas, onde viaxou para manter unha reunión co presidente do Consello europeo, Charles Michel, sobre os futuros orzamentos da UE. 

Sánchez considerou "absolutamente inaceptable" que o sector estea a ver como os prezos dos produtos agrícolas "baixan, baixan e baixan", dixo, tras apuntar a preocupación do Goberno pola situación na formación de prezos. 

Sánchez atópase en Bruxelas como parte dos contactos para negociar os futuros orzamentos da UE para o período 2021-2027, nos que España quere que se fixen partidas "fortes" para os fondos de Cohesión e para a Política Agraria Común.  Preguntado por se cre que os fondos europeos poden servir para acougar aos agricultores e gandeiros que se están manifestando en España para denunciar a crise no sector, o presidente do Goberno incidiu no papel das grandes superficies na formación de prezos. 

Tamén apuntou como armas para apoiar ao sector os recursos da PAC e a necesidade de que a Comisión Europea faga valer o "peso" do mercado único fronte ao prexuízo que poidan provocar decisións doutras "superpotencias" na súa política comercial, como os aranceis de Estados Unidos a producións europeas. 

MANIFESTACIÓN.  Varios centenares de agricultores madrileños (400 segundo a Policía Nacional e un milleiro segundo os convocantes) concentráronse este mércores fronte á sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) para denunciar que a súa situación é "límite" pola falta de rendibilidade. Presididos por unha gran pancarta baixo a lema Salvemos o campo de Madrid colocada fronte á entrada do ministerio, coreaban, entre trompetas e chifres, lemas como "O campo non se vende, deféndese", e había tamén pequenos carteis nos que se podía ler "Págannos pouco e cóbranvos de máis" ou "Sen campo, non hai vida".

Os convocantes das protestas -as organizacións agrarias Asaja, COAG e UPA de Madrid- leron un comunicado no que reclaman prezos xustos para os produtores e combater os elevados custos de produción, ademais de denunciar os recortes que levan anos sufrindo nas axudas das administracións públicas. Tamén pediron un maior control da fauna salvaxe, para que sexa viable a súa convivencia coa actividade agrícola e gandeira, un sistema de seguros agrarios "máis xusto", para que non dispare os custos de produción, e mellores políticas para loitar contra o despoboamento no medio rural.

Segundo apuntaron, todas esas medidas son necesarias porque a situación é "límite" e sófrena "centos de miles de familias" que se dedican á produción de alimentos en España.

A cúpula de VOX, liderada por Santiago Abascal, acudiu á protesta e xerou a controversia, apoiados por uns e rexeitados por outros

Comentarios