Sánchez escoitará propostas de Podemos pero pide que "non haxa imposicións"

O PSOE insiste en que o presidente "elixirá o equipo" e esixe que as negociacións empecen polos contidos
Pedro Sánchez. EFE
photo_camera Pedro Sánchez. EFE

O presidente do Goberno en funcións e candidato á investidura, Pedro Sánchez, escoitará as propostas que lle faga Unidas Podemos unha vez que o seu líder, Pablo Iglesias, renunciou a ser ministro pero pide que non haxa "vetos nin imposicións" e que as conversacións empecen polos "contidos". Esta é a resposta de fontes do PSOE á iniciativa de Iglesias de apartarse dun hipotético Goberno de coalición liderado por Sánchez.

As fontes socialistas destacan nun texto enviado aos medios de comunicación que o presidente en funcións "decidirá o equipo", pero tamén que "escoitará as propostas" que lle transmita Unidas Podemos.

Sánchez afirmou o xoves nunha entrevista en La Sexta que o escollo que impedía o acordo para que saíse adiante a súa investidura da semana que vén era a presenza de Iglesias no Goberno, e nese sentido abriu a porta a que outros cargos da formación morada, "cualificados", dixo, si puidesen estar presentes. A reacción de Podemos ás palabras de Sánchez foi de malestar polo "veto" a Iglesias.

Con todo, 24 horas despois, o secretario xeral de Podemos colgou nas redes sociais un vídeo no que expresa a súa intención de apartarse da negociación para un Goberno co PSOE, de modo que non sexa "escusa" para que non haxa un Executivo de esquerdas tras o debate de investidura da semana próxima no Congreso.

O PSOE, coñecida a reacción de Iglesias, nunha primeira resposta oficial, demandou que non haxa "vetos nin imposicións", e se é así, haberá acordo. Engade que Sánchez escoitará, pero tamén que el "decidirá o equipo".

E pide ademais que as negociacións que se poidan activar a partir de agora empecen polos "contidos". "Primeiro programa e logo o Goberno", sentencian as fontes socialistas.

Comentarios