Sánchez, proclive a estudar propostas de Podemos de ministros independentes

O candidato socialista á Presidencia do Goberno negou que teña un sentido monopolizador do poder

Pedro Sánchez. EFE
photo_camera Pedro Sánchez. EFE

O candidato á investidura do Goberno de España, o socialista Pedro Sánchez, está disposto a estudar nomes de profesionais independentes propostos por Unidas Podemos para que se incorporen ao seu gabinete de ministros. "Se Podemos ten persoas independentes de recoñecido prestixio non rexeitarei esas suxestións", dixo nunha entrevista en Telecinco, recollida por Europa Press.

Sánchez negou que teña un sentido monopolizador do poder, avanzou incluso a súa intención de conformar un Consello de Ministros con incluso máis independentes que o actual se resulta investido, pero rexeitou de xeito formar un "cogoberno" cos morados.

Tamén insistiu en reclamar a abstención de PP e Ciudadanos para non facer descansar o Goberno de España nos partidos independentistas.

Sánchez replicou a Iglesias que España non necesita un "cogoberno" nin tampouco "dous gobernos nun" de cara a un futuro acordo de investidura entre ambos os partidos. Nunha entrevista en Telecinco, Sánchez seguiu apostando por un Goberno de "cooperación" e que xestione "desde a esquerda" con Unidas Podemos pero que, ao mesmo tempo, non dependa do "capricho" dos partidos independentistas. Por iso, volveu instar ao PP e a Ciudadanos, "que se din partidos de Estado", a que non bloqueen a investidura e permitan o seu Goberno.

Tras recordar que foron as forzas independentistas as que provocaron un adianto electoral e "fixeron caer" ao Goberno de España, o xefe do Executivo insistiu en que non se pode facer descansar a "gobernabilidade" do país nesas formacións.

A solución pasa por intentar construír un goberno progresista para o que o PSOE pediu o apoio de Unidas Podemos, formación coa que, dixo, "estivemos traballando de xeito conxunto" e coa que existen "moitísimas coincidencias" pero tamén "grandes diferenzas". Sánchez subliñou que unha das principais diferenzas está en como abordar a crise en Cataluña, cuestión na que "hai discrepancias de fondo" porque "eles defenden o dereito á autodeterminación".

A súa oferta de cooperación a Unidas Podemos segue en pé, do mesmo xeito que a súa invitación ao líder de Ciudadanos, Albert Rivera, a participar na rolda de contactos cos principais líderes políticos para intentar desbloquear a investidura, a pesar de que o responsable da formación laranxa deixara claro que non pensa acudir a esa cita. Tras considerar que a actitude de Rivera representa "un deprecio á presidencia do Goberno", Sánchez subliñou que sempre terá "todas as portas abertas" para falar con el.

Sobre a posibilidade dunha repetición das eleccións, o presidente do Goberno dixo que non quere chegar a esa situación e fará todo o posible para evitala. "Estou disposto a negociar con todos a calquera hora, a falar con todos a calquera hora para que o próximo 23 de xullo teñamos un Goberno", precisou.

Comentarios