Sanidade sopesa incluír a acupuntura, o ioga e a meditación como pseudoterapias

Constelacións sistemáticas, cristais de cuarzo, cromopuntura, frutoterapia ou xemoterapia son tamén algunhas das que se estudan

Una mujer haciendo yoga. EP
photo_camera Unha muller facendo ioga. EP

O Goberno identificou 73 pseudoterapias que se publicitaban como produtos ou técnicas con efecto terapéutico pero que carecen de evidencia científica como a hidroterapia de colon, e está a investigar outras 66, entre as que se atopan a homeopatía e a acupuntura. O Ministerio de Sanidade está a traballar nun Real Decreto mediante o que se prohibirá que os centros que ofrecen estes produtos ou técnicas considerados pseudoterapias leven a cualificación de sanitarios e tamén evitará que estas se poidan ofertar nos hospitais.

Os ministros de Sanidade, Consumo e Benestar Social, María Luisa Carcedo, e o de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, informaron este xoves nunha rolda de prensa dos últimos avances no Plan para a Protección da Saúde fronte ás Pseudoterapias, presentado o pasado mes de novembro. Das 139 técnicas analizadas pola Rede de Avaliación de Tecnoloxías e Prestacións do Sistema Nacional de Saúde (SNS), elaborouse un primeiro informe no que se identificaron 73, que non teñen ningún ensaio clínico, revisións ou metaanálises.

Trátase, explicou Carcedo, dun "primeiro filtro" que identifica eses 73 produtos ou técnicas como pseudoterapias, sobre as que "non houbo nin sequera intención de demostrar a súa eficacia".

Constelacións sistemáticas, cristais de cuarzo, cromopuntura, frutoterapia, xemoterapia, hidroterapia de colon, masaxe na enerxía dos chacras, masaxe tibetano, plasma mariño, radioestesia, terapia floral de california ou terapia biomagnética son algunhas das pseudoterapias incluídas nesta primeira listaxe, e ás que se referiu Duque como "cousas".

Respecto das 66 restantes, o feito de que existan publicacións relativas a estas prácticas non implica que estean apoiadas pola evidencia científica e que se avale a súa eficacia e seguridade, polo que serán analizadas en sucesivos informes.

Neste grupo inclúense algunhas técnicas e produtos tan coñecidos como a homeopatía e a acupuntura, pero tamén outras como caballoterapia, a drenaxe linfática manual, medicina naturista e a tradicional chinesa, musicoterapia, osteopatía, quiropraxia, reflexoloxía, reiki, terapia herbal ou a magnoterapia.

Carcedo dixo que se está traballando no Real Decreto porque "a administración non pecha coas eleccións" e advertiu de que naqueles produtos ou técnicas nos que se teña constancia que supón un perigo directo para a saúde persoarase á Fiscalía como xa fixo Sanidade no caso do clorito de sodio (MMS), que se vende como remedio para o autismo.

Ambos os ministros presentaron tamén a campaña #coNprueba, na que coa que con mensaxes como "Para curarte necesitas algo máis que auga con azucre" preténdese que a cidadanía teña coñecemento e capacidade de xulgar as pseudoterapias, explicou Carcedo.

Duque precisou que a campaña, que se difundirá nos medios de comunicación, cumpre coa obrigación do Goberno de dar suficiente información á xente, de darlles ferramentas, para que tomen as mellores decisións, sen pretender restrinxir a liberdade das persoas. Como parte tamén das accións de sensibilización, habilitouse unha web (www.conprueba.es) que aloxará todos os contidos relacionados coas accións do Goberno e na que se publicará a listaxe de pseudoterapias.

Comentarios