Sanidade estuda reducir de 14 a 10 días o illamento dos contaxiados por Covid-19

Simón explica que a partir do "sétimo día, os casos máis leves xa non transmiten a enfermidade"
Fernando Simón en rolda de prensa. EFE
photo_camera Fernando Simón en rolda de prensa. EFE
O director do Centro de Coordinación de Urxencias e Alertas Sanitarias, Fernando Simón, anunciou que Sanidade estuda reducir de 14 a 10 días o illamento dos contaxiados por coronavirus, ante a evidencia de que, a partir do "sétimo día, os casos máis leves xa non transmiten a enfermidade".

Así o sinalou Simón en rolda de prensa este martes, na que recordou que a Organización Mundial da Saúde (OMS) emitiu unha recomendación recente sobre a redución da corentena só aplicable, polo momento, aos casos leves.

"O feito de que se puxese aos casos en corentena 14 días estaba baseado tanto na evidencia do virus ata ese momento como no coñecemento que tiñamos do virus máis parecido, que era o SARS-1", detallou o experto.

No entanto, dixo que "a evidencia vai mellorando" e que Sanidade estuda "con moito detalle" o posible cambio da recomendación nacional, para o que valorarase que opción é máis segura e pode favorecer mellor o control da epidemia, "non só en termos de transmisión, senón tamén de redución da carga sobre os sistemas".

Preguntado sobre os estudos que sinalan que as persoas con grupo sanguíneo 0 non se contaxian por coronavirus, sinalou que poida que teñan menos probabilidade de infección, o que non implica que non se contaxien.

"Eu son 0 e infecteime", revelou o experto, mentres insistía en que "non temos evidencias para valorar esta hipótese".

Simón insistiu en que o virus non desapareceu e que para evitar o contaxio "a mellor máscara son dous metros de distancia" social. 

Comentarios