Sanidade non ten constancia de afectados en Galicia polo botulismo

A Xunta inspeccionou Frinsa despois de que se notificase a alerta e non detectou "ningunha anomalía" no tratamento para as conservas ► Pide un novo estudo á empresa 
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. CABALAR (EFE)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. CABALAR (EFE)

A Consellería de Sanidade informou este venres de que non se ten constancia de que en Galicia algunha persoa se vise afectada pola intoxicación alimentaria provocada pola toxina botulínica detectada nunha lata de atún en aceite de xirasol que comercializa a cadea de distribución alimentaria Dia. "O produto non se comercializou en Galicia e tampouco temos constancia de persoas afectadas na nosa comunidade", apunta nun comunicado o departamento autonómico dirixido por Jesús Vázquez Almuiña.

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) activou unha alerta sanitaria polo brote tras enfermar catro persoas en Castela e León. Efectuada a notificación da Aesan, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta comezou, "con carácter inmediato", a solicitar información complementaria, do mesmo xeito que o resto de comunidades requiridas, "e púxose en contacto coa empresa provedora —Frinsa del Noroeste— das latas de atún —un dos ingredientes da ensaladilla rusa caseira que comeron os afectados—, para verificar, nunha inspección, realizada o día 13 de agosto, tanto os controis de produción como os procesos de esterilización".

Saúde Pública realizou na mañá deste venres unha nova inspección "complementaria"

"Non se detectou ningunha anomalía no proceso de tratamento para as conservas", indica Sanidade no comunicado, no que apunta que "se identificou que todo o produto implicado foi fornecido á empresa distribuidora, non habendo máis existencias fóra dese distribuidor". 

Saúde Pública realizou na mañá deste venres unha nova inspección "complementaria", ao recibir a comunicación da axencia da confirmación da presenza de toxina botulínica na mostra do produto aberto e empregado no prato elaborado polos pacientes de Castela e León. "Esta visita á industria tivo por obxecto verificar o mantemento preventivo ao que se somete o autoclave no que se elaborou o lote identificado previamente", explica Sanidade. 

O departamento autonómico tamén solicitou á empresa un novo estudo de distribución de temperatura e test de penetración da calor do autoclave implicado, co obxecto de verificar "o correcto funcionamento do mesmo". 

Comentarios