O secretario de Estado de Educación defende que a concertada "ten o seu lugar" no sistema educativo

"Non ten nada que temer", asegura con motivo da súa presenza no Congreso da Confederación Española de Centros de Ensino
Imaxe de arquivo de Alejandro Tiana. AEP
photo_camera Imaxe de arquivo de Alejandro Tiana. AEP

O secretario de Estado de Educación en funcións, Alejandro Tiana, defendeu que o ensino concertado ten "o seu lugar" no sistema educativo e restou importancia á polémica que suscitaron hai unhas semanas as declaracións da ministra de Educación e FP en funcións, Isabel Celaá, nas que asegurou que a elección dos centros non era un dereito recollido na Constitución. 

A preguntas dos xornalistas, antes de asistir ao 47 Congreso Nacional da Confederación Española de Centros de Ensino (CECE), ao que asistiu tamén a conselleira de Educación, Carmen Pomar, Alejandro Tiana asegurou que as discusións sobre o futuro da concertada sóanlle "antigas". 

"As proporcións de poboación escolarizada en pública e concertada son practicamente invariables", dixo apuntando ás cifras existentes nas últimas décadas. "Máis aló das polémicas a concertada ten o seu lugar no sistema educativo", sentenciou recordando que foi un goberno socialista quen "regulou" esta cuestión. 

"Xa o dixo a ministra, non ten nada que temer a concertada", expuxo en alusión ás declaracións feitas con posterioridade por Celaá en relación á polémica suscitada.

FUTURO DA FP. Por outra banda, preguntado polas perspectivas de futuro da FP despois de que un estudo da Fundación Bankia pola Formación Dual e a Fundación SEPI concluíse que as empresas que contratan a estes titulados son máis competitivas, Tiana recordou que o Ministerio elaborou un plan estratéxico, aprobado no Consello de Ministros do pasado venres. 

"Esta mensaxe de que facer FP vale a pena está a empezar a calar"

Nel, segundo expuxo, están establecidas "as liñas de actuación", entre as que citou "axilizar o sistema de FP para que dea máis resposta ás necesidades actuais". A iso, sumou avanzar no proceso de adaptación dos títulos ás necesidades do mercado. 

Por outra banda, aludiu á necesidade "dun aumento substancial da oferta de prazas de FP". "Esta mensaxe de que facer FP vale a pena está a empezar a calar, o que hai que facer por parte das administracións educativas é ir dando resposta a iso", expuxo o secretario de Estado de Educación, quen asegurou que é necesario crear "non menos de 200.000 prazas". Para iso, apelou a facer un esforzo colectivo" entre comunidades autónomas e o Ministerio. 

Comentarios