Simón asegura que "se é necesario" prohibirase fumar polas rúas

O director do CCAES afirma que se hai que "homoxeneizar" a norma que adoptaron comunidades como Galicia a nivel nacional, "valórase e homoxenéizase"
Fernando Simón, este domingo en rolda de prensa. EFE
photo_camera Fernando Simón, este domingo en rolda de prensa. EFE

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, valorou a prohibición de fumar nas rúas fixada por Galicia e Canarias para loitar contra a Covid-19 se non se pode manter a distancia de seguridade, e avanzou que "se é necesario, farase" unha medida a nivel estatal que homoxeneice esta prohibición en toda España. 

En rolda de prensa este xoves, o epidemiólogo resaltou que, ao traballar no Ministerio de Sanidade, está en contra do tabaco: "Paréceme ben que non se fume en ningún sitio nunca". Neste contexto, apuntou que a prohibición establecida por algunhas comunidades autónomas ten como obxectivo fomentar o uso de máscaras na vía pública para reducir o risco de contaxio. 

"Son mecanismos para favorecer a aplicación das medidas de precaución. Fumar en si non é unha práctica excesiva de risco, aínda que os fumadores adoitan ter máis patoloxías respiratorias. Non hai que entrar en moita máis discusión", apuntou o epidemiólogo, engadindo que "se hai que homoxeneizar" a lei a nivel nacional, "valórase e homoxenéizase". "Agora mesmo hai unha Lei Antitabaco moi constriñente, pero se hai que facer algunha actividade máis se valorará", agregou. 

Comunidades como Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela a Mancha ou Valencia confirmaron nos últimos días que estudan a posibilidade de implantar esta medida, tras o anuncio por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; mentres que Madrid, tamén a favor, xa analizou hai algunhas semanas a viabilidade da norma. 

En Aragón, segundo explicaron fontes do seu Goberno, non se descarta aplicalo e en Baleares está "encima da mesa". Andalucía, pola súa banda, anunciou a posta en marcha dun estudo para analizar a influencia do fume de tabaco como vector do coronavirus e sopesar a súa prohibición. 

Comentarios