O Supremo decide este luns se frea de forma cautelar a exhumación de Franco

Os netos do ditador solicitaron unha medida cautelar

Misa en homenaje a Franco en el Valle de los Caídos. BORJA MÉNDEZ
photo_camera Misa en homenaxe a Franco no Val dos Caídos. BORJA MÉNDEZ

O Tribunal Supremo estuda este luns se accede á petición da familia Franco e frea a exhumación do ditador ao suspender de forma cautelar o acordo no que o Goberno deu vía libre á continuación dos trámites o pasado mes de novembro. A Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal reunirase a porta pechada a partir das dez da mañá para deliberar sobre a medida cautelar que solicitaron os netos de Francisco Franco.

Non entrarán a valorar o recurso presentado pola familia do ditador contra a súa exhumación, senón que estudarán se procede ou non paralizar de forma cautelar os trámites acordados o pasado 8 de novembro polo Consejo de Ministros para seguir co procedemento. Ao tratarse dunha medida cautelar, é previsible que a Sala decida este luns sobre a mesma, segundo informan fontes xurídicas a Efe. Unha vez tomada a decisión, os xuíces deberán entrar a estudar o recurso da familia, un proceso que pode durar meses.

O acordo ao que afecta a petición dos netos de Franco supón un paso adiante no procedemento aberto para a exhumación dos restos mortais de Franco do Valle de los Caídos. Foi adoptado en cumprimento da lei de 2007, que recoñece e amplía dereitos e establece medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a ditadura.

Entre os trámites que aprobou o Executivo figura a orde á ministra de Xustiza, Dolores Delgado, para remitir ao Concello de San Lorenzo del Escorial, onde se atopa o Valle de los Caídos, o proxecto necesario para levar a cabo a exhumación.

O Goberno estableceu que os servizos técnicos de Patrimonio Nacional, na súa calidade de patrón da Fundación da Santa Cruz do Valle de los Caídos, deben redactar o proxecto para a súa tramitación con arranxo ao previsto na lei do chan e rehabilitación urbana. E acordou que Xustiza solicitase á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, como órgano da Comunidade de Madrid competente en materia de sanidade mortuoria, un informe non vinculante sobre o proxecto de exhumación para ser emitido nun prazo máximo dun mes.

Tras coñecer que o recurso da familia Franco está a tramitarse no Supremo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que os plans do Executivo non se verán afectados e que a exhumación de Franco será unha realidade en 2019.

O mesmo día que aprobou o citado acordo, o Goberno asegurou que non permitirá que "un ditador siga ocupando un lugar público que se preste ao enaltecemento", como a cripta da catedral da Almudena (como é vontade dos netos de Franco) e que empregará "os recursos e o procedemento que estime oportuno para evitalo.

Comentarios