O Supremo declara exentas do IRPF as prestacións por maternidade

O avogado do Estado recorrera o fallo do TSJM co argumento de que a prestación de maternidade satisfeita pola Seguridade Social ten a función de substituír a retribución normal

Un bebé agarra un dedo. EP
photo_camera Unha delegación da Axencia Tributaria. AEP

O Tribunal Supremo declarou exentas do pago de IRPF ás prestacións por maternidade percibidas da Seguridade Social, ratificando unha sentenza anterior do Tribunal Superior de Justicia de Madrid (TSJM) de 2017. A sentenza da Sección Segunda da Sala III do Contencioso-Administrativo remítese á Lei do IRPF, que indica que estarán exentas prestacións públicas como as de nacemento, parto ou adopción múltiple, adopción, fillos a cargo e orfandade.

O avogado do Estado recorrera o fallo do TSJM co argumento de que a prestación de maternidade satisfeita pola Seguridade Social ten a función de substituír a retribución normal (non exenta no IRPF) que obtería a contribuínte polo seu traballo habitual, e que deixou de percibir ao gozar do correspondente permiso.

O Supremo entende que a exención do pago do imposto inclúe a de maternidade "e non só as de nacemento, parto múltiple, adopción e fillo a cargo", e ademais o seu alcance "non se limita" ás concedidas polas comunidades autónomas ou entes locais, senón que abarca todas as prestacións por maternidade, sen distinción do órgano público do que se perciban.

Así mesmo, o alto tribunal destaca unha "interpretación gramatical", xa que a Lei do IRPF pon "tamén", que se refire ás prestacións públicas por maternidade percibidas das comunidades autónomas ou entes locais", ás que declara exentas do imposto.

A prestación por maternidade, engade o Supremo, é o subsidio que, xestionado pola Seguridade Social, trata de compensar a perda de ingresos do traballador a consecuencia do permiso de descanso polo nacemento dun fillo, adopción, tutela ou acollemento.

Durante ese período, o contrato de traballo queda en suspenso e interrómpese a actividade laboral; por iso, recorda que se consideran situacións protexidas a maternidade, a adopción, a garda con fins de adopción e o acollemento familiar, de conformidade co Código Civil ou as leis civís das comunidades autónomas que o regulan. Os últimos datos dispoñibles mostran que a Seguridade Social desembolsou nos oito primeiros meses deste ano 1.542,59 millóns de euros en prestacións de maternidade, paternidade e risco no embarazo.

Comentarios