O Supremo eleva a 15 anos a condena á Manada: foi violación e non abuso

Considera os feitos ocorridos nos Sanfermines de 2016 como un delito continuado de violación e non un abuso sexual, como fixeron dous tribunais anteriormente

La Manada. ARCHIVO
photo_camera A Manda. ARQUIVO

O Tribunal Supremo español elevou este venres de 9 a 15 anos de prisión a condena contra os cinco integrantes do grupo da Manada ao considerar que os feitos ocorridos en 2016 en relación cunha moza foron un delito continuado de violación e non de abuso sexual. Os condenados xa foron detidos para o seu ingreso en prisión.

O tribunal adiantou o fallou da súa decisión, que divulgará proximamente, e na que modifica as sentenzas previas doutras dúas cortes, polo que eleva a condena aos cinco homes. A un deles, ademais, impónselle outros dous anos de prisión por roubar o teléfono móbil da vítima, que entón tiña 18 anos.

A decisión do Supremo pecha así un caso que acabou sendo coñecido en todo o mundo por ocorrer nas festas de Sanfermín de Pamplona, e cuxa sentenza inicial, hai un ano, xerou multitudinarias protestas en todo o país, especialmente de mulleres, que consideraban a pena demasiado indulgente.

A sentenza final dos cinco maxistrados do Supremo aproxímase moito á petición da Fiscalía, que solicitaba 18 anos de prisión ao considerar que se produciu "intimidación" pola soidade da vítima fronte a cinco homes nun lugar escuro e solitario.

O GOBERNO: "FíXOSE XUSTIZA". "Hoxe fíxose xustiza e deuse un paso máis na defensa dos dereitos das mulleres en España. Temos dereito a vivir libres e sen medo", sinalou tras coñecer o fallo a ministra portavoz do Goberno, Isabel Celaá.

Ademais, da pena de cárcere, a sentenza establece 8 anos de liberdade vixiada unha vez que saian de prisión, e tamén se prohibe aos condenados achegarse á vítima durante 20 anos a unha distancia inferior aos 500 metros, así como a prohibición de comunicarse por calquera medio con ela, e eleva a 100.000 euros a indemnización conxunta e solidaria á moza.

Estaban en liberdade provisional
Os cinco homes estaban en liberdade provisional á espera de que houbese unha sentenza definitiva. Catro deles foron detidos pouco logo de coñecerse o fallo do Supremo. Os feitos ocorreron nos famosos Sanfermines de Pamplona en xullo de 2016.

Cinco homes novos de Sevilla que se autodenominaban La Manada foron acusados por unha moza de 18 anos de levala ao portal dunha vivenda onde, segundo ela, cometeron sobre ela todo tipo de prácticas sexuais mentres o gravaban cos seus teléfonos. Ao acabar, abandonárona e roubáronlle o móbil.

A Fiscalía pública e a acusación particular consideraron que houbo violación, xa que a moza se sentiu intimidada polo número e a fortaleza dos homes. En cambio, eles e o seu avogado defensor insistiron na súa inocencia, argumentando que todo o episodio desenvolveuse co libre consentimento da moza. 

Comentarios