Susana Díaz, a Ferraz: "O PSOE andaluz non necesita ser rexenerado"

A presidenta en funcións confirmou que buscará unha rolda de diálogos con todos os partidos, menos Vox

Susana Díaz. JULIO MUÑOZ
photo_camera Susana Díaz. JULIO MUÑOZ

A presidenta andaluza en funcións, Susana Díaz, replicou a Ferraz que o PSOE de Andalucía "non necesita" ser rexenerado, insistiu en que non ten intención de dimitir e sinalou que só se presentará á investidura se consegue os apoios necesarios.

A dirixente socialista, nunha entrevista no SER, confirmou que só se presentará como candidata no debate de investidura se ten os apoios necesarios, que buscará nunha rolda de diálogo con todos os partidos, agás con Vox.

Ademais, respondeu ao secretario de Organización do PSOE, José Luís Ábalos, que o luns chamou a rexenerar a federación socialista andaluza, ao soster: "Rexenérase aquilo que está dexenerado e eu lidero un partido decente, honesto e traballador, que tivo a confianza de máis dun millón de andaluces".

Díaz confirmou que buscará unha rolda de diálogos con todos os partidos, agás Vox

A presidenta en funcións, que achacou as declaracións de Ábalos a unha interpretación sacada de contexto, afirmou que cando o PSOE perdeu o poder "non pensei que estivese dexenerado" e explicou que mantivo unha conversación co presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, na que se mostrou "moi cariñoso e disposto a axudar" para atopar unha saída á situación.

O secretario xeral do PSOE reúne este martes á executiva federal do seu partido que analizará o resultado das eleccións andaluzas e como garantir a gobernabilidade de Andalucía á marxe de Vox.

Nas discrepancias entre Ferraz e o PSOE andaluz terciou Verónica Pérez, secretaria dos socialistas sevillanos e muller de confianza de Susana Díaz. "Como é posible que se pida a dimisión de quen gaña unhas eleccións e non se lle pida responsabilidades a quen as perde?. Dobre vara de medir?. O mundo ao revés", afirma en Twitter Pérez.

Comentarios