Thunberg culpa aos líderes mundiais de estar "ao comezo dunha extinción masiva" 

A adolescente sueca é unha icona da loita contra o cambio climático
Greta Thunberg, durante o seu discurso. JUSTIN LANE (EFE)
photo_camera Greta Thunberg, durante o seu discurso. JUSTIN LANE (EFE)

A adolescente sueca Greta Thunberg, que se converteu na icona da loita contra o cambio climático, reprochou aos líderes mundiais a súa pasividade culpándoos de que "estamos ao comezo dunha extinción masiva", durante a súa intervención no Cume do Clima da ONU, que se celebra este luns en Nova York. 

"Estamos ao comezo dunha extinción masiva e do único que podedes falar é de diñeiro e de contos de fadas sobre un crecemento económico eterno", dixo esta moza de 16 anos con bágoas nos ollos. "¡Como vos atrevedes!", espetou. 

"Roubastes os meus soños e a miña infancia coas vosas palabras baleiras", díxolles, ao mesmo tempo que recalcou que aínda están a tempo de corrixir o rumbo. Pero, "se elixides fallarnos", advertiu, "nunca vos perdoaremos". 

Thunberg adquiriu fama mundial co movemento reivindicativo Fridays for future manifestándose cada venres fronte ao Parlamento de Suecia para esixir ás autoridades políticas medidas eficaces contra o cambio climático. Miles de mozos doutros países, incluída España, seguiron o seu exemplo. 

Agora, é unha das invitadas ao Cume do Clima da ONU, que conta coa participación de 60 líderes mundiais, entre eles o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez. 

Comentarios