Torra colga outra pancarta na Generelitat: "Liberdade de opinión e expresión"

Ademais, a nova pancarta engade "Artigo 19 da Declaración Universal de Dereitos Humanos"

Nueva pancarta de Torra en el balcón de la Generalitat. TWITTER
photo_camera Nova pancarta de Torra no balcón da Generalitat. TWITTER

O presidente catalán, Quim Torra, decidiu colgar este venres ao mediodía unha nova pancarta no balcón do Palau da Generalitat, coa lema "Liberdade de opinión e expresión. Artigo 19 da Declaración Universal de Dereitos Humanos".

A pancarta foi colgada sobre as 15.05 horas por persoal do Palau da Generalitat, despois de que ao fío das 12.30 horas dous operarios retirasen outra a favor de presos "políticos e exiliados", cun lazo branco e unha franxa vermella. Esta operación realizouse, segundo fontes do Govern, despois de que axentes dos Mossos d'Esquadra acudisen a Palau para notificar que había unha orde da Junta Electoral Central (JEC) para retirar os símbolos soberanistas dos edificios públicos da administración catalá antes das 15.00 horas deste venres.

No resto de edificios dos departamentos da Generalitat foise retirando esta simboloxía ao longo da mañá sen necesidade de que interviñesen os Mossos.

En paralelo, nun comunicado feito público cando se retiraba a pancarta do Palau, Torra anunciou o seu propósito de presentar, este mesmo venres, un recurso contencioso administrativo contra a decisión da JEC pedindo a suspensión "inmediata" dos seus acordos.

Fontes da Generalitat precisaron que o recurso se presentará ante o Tribunal Supremo e que nel se urxirán medidas cautelares para paralizar o efecto das resolucións da JEC. Ademais, Torra presentará a próxima semana unha querela contra a JEC por presunta prevaricación.

Mentres tanto, a fiscal xeral do Estado, María José Segarra, ordenou á Fiscalía de Cataluña que, unha vez que teña coñecemento de todas as actuacións, interpoña unha querela contra Torra por ignorar os requirimentos da JEC.

Comentarios