Trudeau descúlpase por unha fotografía de 2001 na que sae disfrazado de Aladdin

A campaña electoral canadense sacou a relucir unha vella foto do primeiro ministro, tachada de racista
Trudeau disfrazado de Aladdin en 2001.
photo_camera Trudeau disfrazado de Aladdin en 2001.

O primeiro ministro de Canadá, Justin Trudeau, pediu desculpas este mércores despois de que saíse á luz unha fotografía de 2001 na que aparece disfrazado dun personaxe de Aladdin tan só cinco semanas antes das eleccións.  A imaxe dun Trudeau de 29 anos coa cara pintada completamente de negro provocou numerosas críticas que o acusan de racismo. "Debería sabelo entón, pero non o sabía, fíxeno e síntoo moito", manifestou Trudeau, de 47 anos, durante unha rolda de prensa. 

A revista Time, que difundiu a fotografía, indicou que esta foi entregada polo empresario de Vancouver Michael Adamson a principios deste mes. A fotografía atopábase no anuario da Academia West Point Grey. 

"Disfraceime de Aladdin e puxen maquillaxe. Non debería telo feito", afirmou. Na imaxe pódeselle ver vestindo unha bata branca e un turbante, coa cara e as mans cubertos de maquillaxe negra. 

Trudeau enfróntase ao líder conservador, Andrew Scheer, de cara ás eleccións federais previstas para o 21 de outubro. Scheer, que criticou o disfrace, afirmou que se atopa impresionado e decepcionado". 

"Pintarse a cara de negro é un acto de racismo. O que os canadenses viron esta tarde é a alguén cunha completa falta de xuízo e integridade e alguén que non encaixa no Goberno deste país", manifestou nunha rolda de prensa en Quebec. 

Comentarios