Trump cancela o cume con Kim Jong-un en Singapura en xuño

Na súa misiva, o mandatario estadounidense advertiu a Kim do poderío militar estadounidense fronte ao norcoreano

Donald Trump y Kim Jong Un. AEP
photo_camera Donald Trump y Kim Jong Un. AEP

O presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou a cancelación do cume previsto co líder norcoreano Kim Jong-un o 12 de xuño en Singapura debido á recente "aberta hostilidade" por parte de Pyongyang. "O cume de Singapura, para o ben de ambas as partes, pero en detrimento do mundo, non terá lugar", afirmou Trump nunha carta dirixida ao líder norcoreano.

Na súa misiva, o mandatario advertiu a Kim do poderío militar estadounidense fronte ao norcoreano. "Vostede fala da súa capacidade nuclear, pero a nosa é tan grande e poderosa que rezo a Deus que nunca teña que ser usada", recalcou.

Trump remarcou que "o mundo, e Corea do Norte en particular, perdeu unha grande oportunidade para unha paz duradeira" coa cancelación do encontro e destacou que se trata dun "verdadeiro momento triste para a humanidade".

A suspensión do histórico cume prodúcese despois de días de crecente tensión e nerviosismo entre ambas as partes. "Nós non suplicaremos a Estados Unidos por diálogo e tampouco nos molestaremos en persuadilos se non se queren sentar connosco. Se Estados Unidos se reúne connosco nunha habitación ou nos atopa nun enfrontamento nuclear depende totalmente da súa decisión", sinalou este xoves a vicecanciller de Exteriores de Corea do Norte, Choe Son-hui.

A semana pasada, Pyongyang ameazou con cancelar o cume, o primeiro da historia entre os dous países, debido o que considerou como presións da Casa Branca para imporlle un modelo de desnuclearización "unilateral", e Trump recoñeceu o pasado martes o seu posible atraso.

A cita entre Kim e Trump sería a primeira entre os líderes de Estados Unidos e Corea do Norte tras case 70 anos de confrontación iniciada coa Guerra de Corea (1950-1953) e máis dun cuarto de século de erradas negociacións.

Comentarios