Unidos Podemos pedirá que Juan Carlos I declare no Congreso polos seus negocios

Varios medios dixitais difundiron que Corina zu Sayn-Wittgenstein, próxima ao rei, desvelaría que este ten contas en Suíza

Alberto Garzón.AEP
photo_camera Alberto Garzón.AEP

O líder de EU, Alberto Garzón, anunciou este venres que o seu grupo parlamentario no Congreso, Unidos Podemos, pedirá unha comisión de investigación sobre as actividades de Juan Carlos I, na que solicitarán que declare o Rei emérito tras as informacións que lle achacan ter contas en Suíza.

Garzón refírese ás noticias difundidas por varios diarios dixitais, segundo as cales a amiga do Rei Juan Carlos Corinna zu Sayn-Wittgenstein desvelaría que este ten contas en Suíza e que a usou como home de palla para ocultar patrimonio no estranxeiro, información coas que se vinculou aos comisarios José Villarejo e Enrique García Castaño.

GRUPOS PARLAMENTARIOS. Tras coñecer as intencións de Unidos Podemos, o PDeCAT, con oito deputados no grupo Mixto do Congreso, e Compromís, con catro, confirmaron que apoiarán a iniciativa para abrir esta comisión de investigación, que en caso de constituírse sumaríase ás catro que agora ten en marcha a Cámara Baixa.

Deste xeito, os seus doce parlamentarios permitirían ao grupo de Podemos, con 67 escanos no hemiciclo, superar con fartura o requisito dunha quinta parte (70 deputados) necesarios para solicitar unha comisión de investigación no Congreso.

Garzón mostrou a súa preocupación porque haxa quen crea que "defender a Monarquía é defender a España", algo que considera "mentira" e que ademais causa o efecto contrario e dana a imaxe do país porque afecta incluso á seguridade e "non é unha cuestión de prensa "rosa".

INSTITUCIÓNS. Ao líder de EU sorpréndelle que desde os distintos Gobernos non se fale destes casos concretos, o que lle suxire que moitas institucións do Estado -incluído o CNI, insistiu- foron "testemuñas dos amaños" na Casa Real.

"Protexer á Monarquía non é protexer España", insistiu tras denunciar que a familia que está no "vértice do Estado" non pode "facer este tipo de cousas con total impunidade".

Así mesmo, lamentou que cada vez que EU expuxo preguntas parlamentarias sobre as actividades do Rei Juan Carlos néguelles resposta, o que na súa opinión demostra que existe unha "lagoa brutal" coa que hai que acabar.

Comentarios