Un vello chamán mantivo 15 anos a unha moza indonesia nunha cova de escrava sexual

O indonesio fixo abortar en varias ocasións durante o cativerio á moza que agora ten 28 anos

A Policía de Indonesia investiga ao chamán de 83 anos que tivo como escrava sexual durante 15 anos a unha moza á que lavou o cerebro e mantivo retida nunha cova da illa de Célebes coas súas andrómenas.

O indonesio con supostos poderes sobrenaturais, que fixo abortar en varias ocasións durante o cativerio á moza que agora ten 28 anos, afronta unha pena de ata 15 anos de prisión. Segundo o informe policial, o rescate da vítima produciuse o domingo pasado na pequena cova na que vivía confinada, nos arredores da aldea Galumpang, e da que temía saír porque cría que un espírito vixiaba a entrada, pero a historia comeza en 2003.

Hai tres lustros, o chamán, chamado Jago, segundo a investigación, levou á moza convencida de que este espírito, chamado Amrin, desexaba casar con ela e recluíuna na cova. Jago, respectado polos veciños de Galumpang polos seus poderes sobrenaturais e medicinais, contoulle á familia que a filla viaxara a Iacarta para gañarse a vida.

Durante un tempo, o chamán entregou agasallos á familia que, segundo lles dicía, lles enviaba a filla, ata que deixou de facelo e os pais perderon a esperanza de atopala. Mentres tanto, Jago mantivo á moza cativa na cova e levábaa polas noites á súa casa, onde o espírito Amrin o posuía, segundo aseguraba o propio chamán, e violaba á moza.

O asunto saíu á luz este mes cando un veciño escoitou sen querer unha discusión sobre o secuestro entre o fillo de Jago e a súa esposa, unha irmá da cativa, e denunciouno á Policía, segundo o diario The Jakarta Post.

Comentarios