O Concello de Cubillas de Rueda (León) ofreceu o cemiterio municipal da localidade á Fundación Francisco Franco para acoller os restos de ditador no caso de que se faga efectiva a súa exhumación do Val dos Caídos.
Foi a propia Fundación Francisco Franco a que deu a coñecer na súa páxina web a carta que a alcaldesa desta localidade leonesa remitiu a este ente o pasado 20 de novembro ofrecendo o camposanto municipal para albergar os restos mortais de Franco.
Na súa carta, a alcaldesa, Agustina Álvarez, do PP, indica que é "un bonito cemiterio municipal, novo e moi coidado nunha zona tranquila na provincia de León".
A carta afirma tamén que esta zona "foi moi coñecida en vida por Francisco Franco, dado que viña pescar salmóns no Esla e constituía zona de paso para as súas cacerías en Riaño e os Picos de Europa, polo que lle sería un lugar familiar e acolledor á súa persoa".
"Estariamos encantados de ser o lugar definitivo dos restos do xeneral Franco e poder ofrecerlle un espazo de descanso e respecto adecuado", prosegue.
O Concello de Cubillas de Rueda conta con catro concelleiros do PP, dous o PAL-UL e un o PSOE.
O secretario xeral do PSL-PSOE, Javier Afonso Cendón, pediu este venres ao presidente provincial do PP, Juan Martínez Majo, que desautorice á alcaldesa. "Este ano, a inocentada fóiselles das mans e acabaron facendo unha broma macabra", sinalou o dirixente socialista.
Cendón, que tamén é presidente da Asociación para o Estudo da Represión en León (Aerle), subliñou que a provincia de León "é unha das máis castigadas de España pola represión da ditadura franquista, con máis de 12.000 vítimas rexistradas".