Villarejo espiou unha cea de Rajoy con importantes empresarios

O diario El Mundo publica que o excomisario usou a información solicitada na reunión para lograr contratos no Ibex

Mariano Rajoy. EFE
photo_camera Mariano Rajoy. EFE

O excomisario José Manuel Villarejo espiou unha cea do expresidente do Goberno Mariano Rajoy con importantes empresarios e banqueiros para solicitar información e lograr contratos no Ibex, segundo publica este luns o diario El Mundo. O banquete tivo lugar o 15 de setembro do 2011.

Neste sentido, Moncloa.com publica este luns media ducia de audios de conversacións que atribúe a Villarejo e a Ignacio López del Hierro, marido da ex secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, nas que tratan –segundo este medio– de movementos na investigación do caso Gürtel.

As conversacións tiveron lugar entre xuño e novembro de 2009, poucos meses logo das primeiras detencións polo caso Gürtel e o comezo das investigacións ao redor de Luis Bárcenas.

Nos audios difundidos por este medio fálase en clave: "É que me preguntaba a nosa amiga.... Di, oe mira a ver se o teu amigo sabe por onde van ir estes" ,ao que o excomisario responde: "Si. Hai chicha, hai moita chicha".

Noutros audios, óese a Villarejo que advirte de que hai quen está "a largar cousas", e incluso ambos falan do PSOE e de Alfredo Pérez Rubalcaba, entón ministro do Interior no goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. 

Batet: Non é bo que as gravacións de Villarejo marquen a actualidade política

Doutra banda, en declaracións á Cadena Ser, a ministra de Política Territorial, Meritxel Batet, precisou que estas gravacións "se realizan dun xeito absolutamente ilegal, vulnerando todos os dereitos fundamentais habidos e por haber na nosa Constitución", polo que "non nos poden merecer demasiado respecto".

Ao seu xuízo, esa vulneración dos dereitos dos que son gravados non é boa para a democracia e o sistema democrático. "Sabemos –engadiu– que este señor tivo moitas relacións. Mantivo moitísimas conversacións e, polo que parece, gravounas absolutamente todas".

Tras insistir en que as gravacións de Villarejo non deben marcar "a actualidade política" e "moito menos, que marquen a acción política dos partidos", a ministra sinalou que os partidos se deben dedicar "ao benestar dos cidadáns". Recoñeceu que o seu contido "non é edificante" e que "os problemas dos cidadáns van doutra banda", polo que os partidos e a acción de Goberno deben centrarse en traballar e en mellorar a vida das persoas.

Comentarios