Vinculan entre un terzo e a metade de casos de Covid-19 aos 'supercontaxiadores'

Un estudo da USC sinala que en España entrou unha cepa asiática do virus que apenas penetrou noutros países europeos
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Os doutores Antonio Salas e Federico Martinón. EUROPA PRESS

Un equipo de investigadores da Facultade de Medicina de Santiago (USC) e do Instituto de Investigacións Sanitarias concluíu que entre un terzo e a metade dos contagios rexistrados no mundo a causa do Covid-19 están relacionados cos chamados supercontaxiadores.

Estes investigadores, liderados polo profesor Antonio Salas Ellacuriaga e polo xefe do servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón, revelaron as primeiras probas e a importancia desa figura dos supercontaxiadores, e para iso analizaron case 5.000 xenomas do coronavirus o que, en termos do código xenético do virus, supón uns 150 millóns de letras.

A principal complicación do traballo non foi a cantidade de información coa que tiveron que lidar, xa que este grupo afai manexar este volume de datos que requiren un gran esforzo bioinformático, senón que o problema computacional veu da man doutras análises máis propias da xenética evolutiva e para os que se necesitan días para obter resultados que logo hai que dixerir e interpretar.

Ademais da comprobación do novo dato sobre a existencia dun axente supercontagiador, o estudo realizado leva aparelladas outras consideracións relacionadas coa data probable do inicio desta epidemia, a máis importante do século, así como a súa posible orixe que os investigadores sitúan no mundo animal.

Segundo o doutor Salas, "este é un paso fundamental para entender o proceso de dispersión do virus" e será "de gran utilidade para tratar de prever e previr futuros brotes e pandemias, xa sexa de coronavirus ou outros patógenos con potencial igualmente letal ou incluso superior".

Contexto español

Este profesor engadiu que "o escenario en España é un tanto particular no contexto do continente", xa que no noso país "entraron as primeiras cepas do virus que afectaron a case toda Europa", pero a maiores, recibiu unha cepa asiática "que apenas entrou en ningún outro país europeo": "un supercontaxiador pertencente á liñaxe B3a".

"Tiñamos claro que para entender o que estaba a ocorrer nesta pandemia primeiro debiamos facer unha reconstrución adecuada do proceso evolutivo que deu lugar ao virus e as súas distintas versións actuais; unha árbore filogenético que relaciona todos os xenomas dun xeito preciso e que é o alicerce fundamental sobre o que bascula case todo o demais", explicou o docente da Facultade de Medicina da USC.

Segundo os autores, esta sería a primeira vez que se utilizan os principios de máxima parsimonia para identificar as mutacións concretas que deron lugar ás distintas cepas do virus, e lográrono aproveitando a súa experiencia no campo da evolución xenómica.

Federico Martinón, pola súa banda, aludiu ao traballo realizado, con tanta información e en tan pouco tempo. "É a natureza multidisciplinar do noso grupo e a nosa formación no ámbito da infectómica o que nos permitiu enfrontarnos a un proxecto destas dimensións", subliñou.

Probas

Ademais do traballo taxonómico realizado cos xenomas do coronavirus, o achado máis sorprendente e novo deste estudo é demostrar a existencia e o impacto na pandemia de persoas con alta sensibilidade para transmitir o virus Covid-19, os supercontagiadores.

Ata o momento, esta figura "discutiuse nos medios e desde un punto de vista epidemiolóxico" sen outras evidencias, aínda que agora os investigadores conseguiron revelar probas da súa existencia. Nalgúns casos deron lugar ao que os genetistas denominan tecnicamente como 'efectos fundadores locais', que se traduciron en brotes epidémicos locais ou nacionais.

Orixe en novembro de 2019

O estudo adiantado este xoves á comunidade científica pon de manifesto, "Usando simulacións teóricas que se alimentan da variabilidade xenómica observada no coronavirus", que a orixe evolutiva máis recente de todas as cepas actuais sitúase "non antes de novembro de 2019".

Ademais, en base aos datos recolleitos e analizados, o equipo formado por Antonio Salas e Federico Martinón suxire a posibilidade de que na primeira onda epidémica asiática puideron existir moitos máis casos que os reportados polas autoridades sanitarias.

Comentarios