Willy Toledo comparecerá con Bardem en lugar de acudir a declarar

O actor está citado por un presunto delito contra os sentimentos relixiosos

Willy Toledo. ARCHIVO
photo_camera Willy Toledo. ARCHIVO

O actor Willy Toledo anunciou unha comparecencia pública xunto aos actores Javier Bardem e Alberto San Juan, entre outros, en lugar de acudir como investigado ao xulgado, onde foi citado para este martes por un presunto de delito contra os sentimentos relixiosos.

Toledo está citado mañá ás 11:30 no Xulgado de Instrución 11 de Madrid para declarar como investigado por presuntamente insultar a Deus e á Virxe, despois de que o pasado 18 de abril non acudise á primeira citación xudicial ao entender que non cometeu delito e que non debe ser investigado por unha simple crítica política e social, segundo explicou entón o seu letrado.

En lugar de acudir ao xulgado, o actor ofrecerá a esa hora unha rolda de prensa na parroquia de San Carlos Borromeo, no barrio de Vallecas, na que estará acompañado de varios compañeiros de profesión, como Javier Bardem e Alberto San Juan.

O maxistrado volveuno a citar para mañá "con apercibimiento de que non comparecer nin alegar causa xusta que llo impida poderá decretarse a súa detención", segundo a providencia á que tivo acceso Efe.

A imputación é polos comentarios vertidos polo actor na rede social Facebook nos que criticaba a apertura de xuízo oral contra tres mulleres que en 2014 procesionaron unha gran vaxina en Sevilla.

"Eu cágome en Deus e sóbrame merda para cagarme na dogma da santidade e virxindade da Virxe María", escribiu o actor, que ao coñecer a súa primeira citación como investigado xa advertiu de que non acudiría para non participar nunha "farsa" e que terían que detelo.

O actor explicou en Facebook que mañá non acudirá e que estará á mesma hora da citación -ás 11:30 horas- na parroquia San Carlos Borromeo de Vallecas dando unha rolda de prensa xunto ao seu letrado, Endika Zulueta; o teólogo católico Benjamín Forcano; dúas profesoras universitarias de Dereito e varios actores, como Nathalie Poza ou Leo Bassi, ademais de Bardem e San Juan.

O seu avogado, Endika Zulueta, explicou a Efe que confía en que a propia fiscalía solicite, sen máis trámite, o arquivo das actuacións, xa que "que unha persoa poida perder a liberdade por escribir unha expresión, como moito malsonante, porque o Estado considere que puidese ferir determinados sentimentos relixiosos, é máis propio dun sistema inquisitorial que dun sistema penal democrático".

"Recordemos que este país é aconfesional desde 1978. O Código Penal está para protexer valores importantes nos que haxa consenso social, e os sentimentos relixiosos é obvio que non son un deles", engadiu.

Comentarios