Un xinecólogo neerlandés concibiu polo menos 17 fillos ao doar o seu esperma en segredo

O doutor Jan Wildschut, falecido en 2009, foi pienero na insemnización artificial no país
Nos dez primeiros postos dos nados en 2018 non hai ningún nome galego. PIXABAY - Bebé - Recién nacido

Un xinecólogo neerlandés concibiu polo menos 17 fillos biolóxicos doando en segredo o seu propio esperma ás mulleres que acudían ao hospital onde traballaba en busca de inseminación artificial entre os oitenta e noventa, anunciou este martes o propio centro médico.

O xinecólogo Jan Wildschut, falecido en 2009, doou o seu seme no período comprendido entre 1981 e finais de 1993, e utilizouno para as inseminacións artificiais sen que as parellas que acudiran á clínica de fertilidade da cidade de Zwolle, no leste de Países Baixos, estivesen ao tanto, posto que asumían que o seme proviña de doantes anónimos.

Nun comunicado, o hospital Isala (entón hospital Sophia de Zwolle) explicou que o ocorrido, que empezou a saír á luz a finais de 2019 tras unha coincidencia de ADN nunha base de datos comercial, foi corroborado con probas xenéticas comparadas cun dos fillos lexítimos do xinecólogo.

O hospital, xunto a todos os fillos coñecidos de Wildschut, decidiu facer pública a situación para contribuír a unha "maior apertura" sobre o debate da "concepción por doazón" de esperma, pero sobre todo para alertar do risco de problemas "congénitos" que xorden de posibles relacións entre medios irmáns, "que non saben que comparten o mesmo pai biolóxico".

"Os pais que non informen aos seus fillos sobre as súas orixes aínda poderían dicirlles que son fillos dun doante", engade o hospital, que considera o ocorrido como "moralmente inaceptable" e unha "violación da relación de confianza co paciente".

De momento, confirmáronse un total de 17 fillos biolóxicos por doazón do xinecólogo, ademais dos fillos lexítimos do médico, e todos "teñen un contacto regular e unha boa relación entre eles", aínda que a familia subliña no comunicado que "non tiña nin idea" de que isto ocorrera e que "o descubrimento foi unha sorpresa total" para eles.

O hospital, que non descarta que puidese haber máis fillos deste doante, elaborou xa un perfil xenético de doante do xinecólogo, e invita a todas aquelas persoas nacidas por doazón de esperma que queiran determinar se Wildschut podería ser o seu proxenitor, a rexistrarse na base de datos para someterse ás probas necesarias.

Wildschut era un dos xinecólogos pioneiros na Inseminación Artificial con Seme de Doante e comezou en 1969 a traballar no Centro Médico da Universidade de Leiden (LUMC), denunciando en varias ocasións a "enorme escaseza de doantes", que limitaba os tratamentos de inseminación que podía levar a cabo a un máximo de trinta pais por ano. 

Comentarios