A xuíza do caso Máster pregunta á Fiscalía se cre que se está excedendo na investigación

O ministerio público opúxose a que se investigue ao presidente do PP, Pablo Casado, e a maxistrada pediulle que aclare se pide ou non o arquivo das tres alumnas do mesmo posgrao que si están imputadas na causa

Pablo Casado. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera Pablo Casado. JAVIER LIZÓN (EFE)

A xuíza solicitou á Fiscalía que se pronuncie sobre se cre que está a realizar unha instrución prospectiva na causa que investiga as irregularidades nos másteres do Instituto de Dereito Público da URJC, é dicir, se está a facer unha causa xeral máis aló da denuncia inicial. Faino nunha providencia ditada este luns, despois de que o pasado venres a Fiscalía do Tribunal Supremo informase en contra de investigar o presidente do PP, Pablo Casado, tras manifestar que a apertura do procedemento "sería meramente prospectiva".

Precisamente, o exdirector do Instituto de Dereito Público da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid (URJC) Enrique Álvarez Conde sostén a súa estratexia xudicial en base a descualificar a instrución por considerala prospectiva, ao afirmar que a xuíza está a investigar máis aló dos feitos denunciados. Tanto é así que o principal implicado nesta causa recorreu a maioría das decisións da xuíza (declaracións de investigados, testemuñas, documentais, etc.) apoiándose a esta liña de defensa, que non persegue outra cousa que conseguir a nulidade de toda o procedemento se se acepta a súa argumentación, sobre a cal se ten que pronunciar tamén a Audiencia Provincial de Madrid.

É por iso que "para o correcto entendemento por parte desta instrutora", a maxistrada Carmen Rodríguez Medel pide "expresamente" á Fiscalía que informe sobre o seu "criterio en relación coas alegacións realizadas durante a instrución da presente causa por Álvarez Conde sobre o carácter prospectivo e xeneral desta instrución". A xuíza recorda que a Fiscalía impugnou todos os recursos sobre esta cuestión expostos por Álvarez Conde, de maneira que se opuxo a tachar de prospectiva a presente instrución, utilizando entre os seus argumentos xurisprudencia do Tribunal Supremo.

Con todo, o tenente fiscal do alto tribunal, Luis Navallas, ditou un escrito sobre Casado que non só supón un xiro na posición do Ministerio Público neste procedemento, senón que pode condicionar o futuro do caso, cando advirte que abrir unha causa contra o líder do PP "sería meramente prospectiva". Desta forma, a maxistrada pide á Fiscalía de Madrid se, tras o escrito do fiscal do Supremo, "está a ordenarse un cambio de interpretación que teña incidencia na parte do procedemento que pende ante este Xulgado de Instrución".

"Resulta necesario pedir expresamente á Fiscalía que ilustre a esta instrutora sobre este particular, a efectos de ditar, no seu caso, as resolucións oportunas", sinala a xuíza que recorda que nesta causa "danse supostos idénticos ao que motivou elevar a exposición razoada da peza C, sendo o único elemento diferenciador o carácter aforado ou non dos investigados", unha cuestión que considera "irrelevante".

Xa o pasado venres, tras facerse público o informe do fiscal do Supremo, a xuíza solicitou á Fiscalía que se pronunciase sobre o arquivo da causa en relación a tres compañeiras de promoción do máster que cursou o líder do PP e un compañeiro da expresidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes. 

Comentarios