Xunta e sindicatos de Xustiza volven sentar e Rueda advirte de que a negociación non pode ser "unha poxa"

Funcionarios fan cola con escritos para lembrar ao Goberno galego que o colectivo rexeita a súa última "oferta de peche"

A Xunta e sindicatos da Xustiza volveron sentar na 48 xornada de folga indefinida no sector para tentar pór fin a un conflito que se traduciu na práctica paralización de xulgados e rexistros civís na comunidade desde o 7 de febreiro.

O novo encontro vén precedido por numerosos desacordos en citas previas e, aínda que ambas as partes insisten na vontade de negociar, as posturas aínda parecen afastadas. A última oferta da Xunta tradúcese nunha subida mensual de 135 euros ao mes para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os corpos de auxilio.

Os sindicatos que integran o comité de folga (SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO.) rexeitaron esta oferta por insuficiente e mantiveron a esixencia de 190 euros máis ao mes, aínda que, posteriormente, os funcionarios de xustiza en asembleas votaron maioritariamente que se poida baixar esta cantidade na negociación.

Este mesmo luns, após participar nunha reunión da Comisión Mixta entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á que tamén acudiu o presidente do alto tribunal, Miguel Ángel Cadenas, o vicepresidente Alfonso Rueda incidiu no resultado destas asembleas, que interpretou: "os seus compañeiros dixéronlles que non, a cifra do comité de folga quedou invalidada".

Así as cousas, preguntado acerca de se o Goberno galego porá nesta nova cita outra contía sobre a mesa, Rueda incidiu na vontade de "negociar" do Goberno galego, pero remarcou que a cifra "vixente" e a oferta que estará sobre a mesa é a última realizada polo Executivo autonómico, que repite delegación.

Rueda advertiu de que non permitirá que a negociación sexa "unha poxa" e augurou que a xornada deste luns será "longa", pero espera que teña "final feliz" e que se poida xa empezar a traballar no cadro de recuperación do traballo atrasado.

"NON ACEPTAMOS A OFERTA". Entre tanto, numerosos funcionarios fixeron cola no complexo administrativo de San Caetano, onde se celebra a reunión, para entregar escritos nos que convidan a Rueda e ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a achegarse ás asembleas, concentracións, manifestacións e demais actos reivindicativos diarios se o necesitan para "coñecer de primeira man a opinión do colectivo respecto da súa oferta de peche".

"O colectivo non acepta esta presunta oferta de peche", recolle o escrito, unha idea na que tamén incidiu en declaracións previas ao encontro o presidente do comité de folga, Manuel Tejada (de SPJ-USO), quen recalcou que os sindicatos veñen "con ánimo construtivo" e esperan "o mesmo talante" da Xunta.

O representante dos traballadores incidiu no elevado seguimento da folga, que os sindicatos manteñen na contorna do 80 por cento, e advertiu que, coas súas propostas de subir "cinco, sete ou dous euros" en cada reunión, é a Xunta a que converte a negociación "nunha poxa".

Por iso, instou ao Goberno galego a pór sobre a mesa unha proposta aceptable para o colectivo que permita pór fin ao conflito.

Comentarios