Yulia Skripal, filla do exespía ruso, é dada de alta en Salisbury

A BBC revela que foi levada este luns a un lugar seguro do Reino Unido

Fotografía de archivo del exespía ruso Serguéi Skripal. EFE
photo_camera Fotografía de arquivo do exespía ruso Serguéi Skripal. EFE

A filla do exespía ruso Serguéi Skripal foi dada de alta tras ser envelenada en marzo cun axente nervioso na localidade británica de Salisbury xunto ao seu pai, cuxo estado de saúde continúa mellorando.

A directora médica do hospital Salisbury District, Christine Blanshard, confirmou este martes que Yulia Skripal abandonou o centro aínda que sen precisar a data nin achegar información sobre o seu paradoiro, aínda que a BBC revelou que foi levada este luns a un lugar seguro no Reino Unido.

No mesmo hospital permanece ingresado o antigo axente dobre, aínda que o seu estado mellorou e espérase que poida abandonar a unidade médica "ao seu debido tempo", segundo a directora.

Tras coñecerse a noticia, a embaixada de Rusia en Londres expresou a súa satisfacción pola recuperación de Yulia Skripal, pero, ao tratarse dunha cidadá rusa, esixiu "probas urxentes" de que o tratamento ao que foi sometida foi baixo o seu consentimento.

Os Skripal foron achados inconscientes preto dun centro comercial de Salisbury o pasado 4 de marzo tras ser intoxicados cun axente nervioso do tipo Novichok, de fabricación militar, segundo as autoridades británicas, que culparon a Rusia deste ataque.

O axente de policía Nick Bailey, que atendeu aos Skripal cando enfermaron na rúa, debeu ser tamén hospitalizado son síntomas de envelenamento

Blanshard explicou, nun comunicado lido ante o hospital, que Yulia Skripal aínda necesita atención médica polo impacto do axente nervioso, aínda que a súa recuperación "supón un fito significativo".

O axente de policía Nick Bailey, que atendeu aos Skripal cando enfermaron na rúa, debeu ser tamén hospitalizado son síntomas de envelenamento, pero foi dado de alta o pasado 22 de marzo, indicou a directora médica.

"Os tres foran expostos a un axente nervioso, un químico altamente tóxico cuxo obxectivo é impedir que funcione o sistema nervioso", afirmou Blanshard, quen explicou que os síntomas do envelenamento son náuseas e alucinacións.

Segundo os expertos, o Novichok impide que as chamadas encimas acetilcolinesterasas, que se atopan nos tecidos nerviosos e axudan a manter o corazón activo, funcionen normalmente. Co tempo, o axente nervioso é excretado polo corpo e créanse novas encimas, de modo que o importante é tratar de conseguir que o paciente viva o suficiente para que se produza ese proceso, engadiron os médicos.

CONSECUENCIAS INTERNACIONAIS. Tras o envelenamento en Salisbury, o Goberno británico sostivo que Rusia é "moi probablemente" responsable do mesmo, unha vez que se identificou a sustancia utilizada como un axente nervioso.

O Goberno da primeira ministra británica, a conservadora Theresa May, decidiu expulsar o mes pasado a 23 diplomáticos rusos, mentres que Moscova fixo o mesmo como resposta. Pouco despois, catorce países da Unión Europea (UE), así como Estados Unidos, Canadá e Ucraína, tamén decidiron expulsar diplomáticos rusos en solidariedade co Reino Unido.

Rusia negou en todo momento a autoría do ataque, pero o Executivo londiniense insiste en que as súas conclusións están baseadas nas análises feitas polo laboratorio militar de Porta Down, no condado de Wiltshire, preto de Salisbury, e en información procedente doutras fontes. 

Comentarios