El tiempo
miércoles. 29.06.2022
El tiempo

Arrinca a obra de mellora do Camiño no núcleo da Balsa

Obras de mejora del Camino de Santiago en el núcleo de A Balsa. EP
Obras de mellora do Camiño de Santiago no núcleo da Balsa. EP
A actuación para acondicionar este punto de Triacastela e a contorna da capela de San Antonio ten un custo de 603.000 euros

Miles de peregrinos discorren cada ano polo núcleo da Balsa, no municipio de Triacastela, na súa viaxe a Compostela polo Camiño Francés. Nuns meses atoparanse cunha nova imaxe, xa que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) comezou a rehabilitar esta pequena poboación, traballos que foron adxudicados en 603.723 euros.

As obras, contratadas a Construcións Orega, arrincaron hai unhas semanas levantando o pavimento da parte alta do núcleo e do trazado da ruta xacobea e instalando as canalizacións.

A actuación consiste en mellorar a contorna da capela de San Antonio, para a que realizarán un sistema de drenaxe perimetral co fin de recoller as augas e evitar que afecten os muros do templo. Tamén se prevé a reposición e pintado do enfoscado exterior da ermida e a construción dunha pequena praza.

O núcleo estará dotado de novos servizos e serán soterrados os tendidos eléctricos, de iluminación pública e telecomunicacións. Ademais, instalaranse novos puntos de luz e serán mellorados o pavimento, uns muros xunto á ruta xacobea, unha ponte e outros elementos singulares.

A actuación ten un prazo de execución de dez meses, polo que terá que estar rematada a finais deste ano ou ben a principios do próximo.

Os traballos na Balsa enmárcanse nun conxunto de actuacións do Ministerio de Transportes para acondicionar o Camiño de Santiago ao seu paso dez municipios das provincias de Lugo e A Coruña. No caso da comarca inclúese a mellora do núcleo da Pena (Paradela) a Ponte da Áspera de Sarria. A primeira obra atópase executada, mentres que a segunda saíu a licitación o pasado mes de maio.

Arrinca a obra de mellora do Camiño no núcleo da Balsa
comentarios