Un balandro histórico navega as rías para reivindicar os Camiños de Santiago marítimos 

"O que non se coñece non se pode defender nin promocionar adecuadamente", reivindicou Nava Castro
Balandro 'Joaquín Vieta'. JOAQUÍN VIETA
photo_camera Balandro 'Joaquín Vieta'. JOAQUÍN VIETA

O balandro histórico Joaquín Vieta percorreu este sábado as rías galegas de Muros-Noia e Arousa para reivindicar o patrimonio marítimo dos camiños de Santiago polo mar. "O que non se coñece non se pode defender nin promocionar adecuadamente", proclamou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen visitou no porto do Freixo -en Outes (A Coruña)- aos impulsores deste proxecto, financiado con 17.000 euros do programa O Teu Xacobeo

Esta iniciativa pretende recuperar o patrimonio marítimo e os vestixios da industria tradicional dos oficios do mar nos concellos de Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Dodro. O proxecto tamén contempla a elaboración dunha peza documental coas imaxes recollidas nesta xornada de viaxe polo sur da ría de Muros-Noia e Arousa Norte. 

Ademais, levará a cabo unha xornada de relatorios ao redor deste patrimonio marítimo, que pretende recuperar a memoria material e inmaterial do litoral destas rías a través da posta en valor de serradoiros, muíños, conserveiras, fábricas de salgadura ou carpinterías de ribeira, estas últimas declaradas Ben de Interese Cultural. 

Comentarios