O Camiño espreguízase: chegan máis peregrinos en 9 días que en 4 meses

Selaron a compostela máis de 3.000 só nestes dez días de xuño
Peregrinos en el Camino francés. XESÚS PONTE
photo_camera Peregrinos no Camiño francés. XESÚS PONTE

Se o Camiño de Santiago é un bo termómetro para medir o estado do turismo, a cousa pinta ben para Galicia, porque nos primeiros nove días deste mes seláronse 2.970 compostelas, ás que habería que sumar as 349 deste xoves. Son máis que todas as rexistradas en xaneiro, febreiro, marzo e abril. E en maio, cando empezou o goteo, necesitouse case todo o mes para alcanzar esa barreira das 3.000. 

Os datos ofreceunos este xoves tras o Consello da Xunta Alberto Núñez Feijóo, quen precisou que, ademais, a ruta xacobea espreguízase tras a pandemia máis aló das nosas fronteiras e recupera aos poucos o seu carácter internacional. Aínda son sete de cada dez (69%) os peregrinos españois, pero van gañando peso os de fóra (31%), con especial relevancia dos veciños portugueses, que representan polo momento un 12% do total. 

De feito, a Xunta confirmou que a próxima semana —día 15— abrirá xa case a metade dos albergues da rede pública. Son cinco no Camiño Francés, cinco no Inglés, catro no Camiño de Fisterra-Muxía, catro no Norte, tres no Primitivo, dous no Portugués e dez na Vía da Prata. E para o 1 de xullo está prevista a apertura dos demais, incluíndo o Monte do Gozo. 

Tres de cada dez camiñantes son estranxeiros, con importante peso de Portugal

Un bo síntoma de cara ao groso da tempada estival, onde ademais estará xa operativo o seguro de asistencia durante a viaxe para turistas e peregrinos con cobertura covid-19, segundo analizou o Consello da Xunta. 

A póliza, unha das medidas contempladas dentro do programa Galicia Destino Seguro, está pensado para todos os viaxeiros non residentes en Galicia que viaxen á comunidade e que se aloxen nun establecemento autorizado, con reserva durante a súa estancia no período de cobertura do seguro. E tamén estarán asegurados, os peregrinos non residentes en Galicia que estean a realizar o Camiño e que conten coa credencial de peregrinaxe e con, como mínimo, unha noite nun albergue ou hospedaxe na comunidade. 

Adxudicado á empresa Europ Assistance por 1.054.000 euros, beneficiará a 2,5 millóns de visitantes, segundo os cálculos da Xunta. Cubriralles gastos médicos cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización ata os 5.000 euros; así como a repatriación sanitaria ou por falecemento por covid-19 e a prolongación da estancia por corentena con gastos ilimitados. 

O Goberno galego confía en que o seguro, activado o día 1, sexa un reclamo para os turistas.

Comentarios