No Camiño faltaban as historias

O Concello traballa na creación dunha web que recollerá o patrimonio inmaterial oral do Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra mediante os relatos en vídeo da veciñanza
Imaxe dun dos vídeos que compoñen a campaña O Camiño Contado. DP
photo_camera Imaxe dun dos vídeos que compoñen a campaña 'O Camiño Contado'. DP

Guías completas con itinerarios, fotografías, recomendacións gastronómicas ou descricións históricas forman parte da equipaxe dos peregrinos que atravesan Pontevedra no seu camiño a Santiago. Pero a experiencia dos viaxeiros non está completa sen a riqueza de contos e lendas que rodean o Camiño. "Faltaban as historias", explicaba este mércores o antropólogo Rafael Quintía. Dicíao durante a presentación do proxecto O Camiño Contado, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo.

Presentación da campaña O Camiño Contado. GONZALO GARCÍA

A empresa de antropoloxía Ab Origine é a encargada de dar forma á iniciativa, que será difundida a través dunha páxina web con conexión directa ao espazo na rede de Turismo da cidade (visit-pontevedra.com). Valentín García Bóveda, xestor cultural responsable da firma que se encargou do traballo xunto a Quintía explicaba este mércores que o proxecto busca "darlle voz aos legatarios do patrimonio, á cidadanía, como depositaria valedora dos bens do Camiño, aos peregrinos e a todos aqueles que posúen experiencias vivenciais vencelladas á Ruta Xacobea nas súas múltiples dimensións humanas, históricas, artísticas e culturais". Para conseguilo, a plataforma contará con multiplicidade de entrevistas en formato audiovisual con veciños e veciñas, historiadores, xornalistas ou antropólogos de Pontevedra que falan de ritos, costumes, lendas ou mesmo da paisaxe e natureza do itinerario Portugués ao seu paso polo Concello.

Quedan recollidos, por exemplo, lugares como a Cama do Santo, un sartego talado na laxe na Canicouva ao que se lle atribuíron propiedades curativas, ou o Outeiro das Forcadas, na mesma parroquia, onde se atopan os restos do que puido ser un lugar no que se impartía xustiza entre os séculos XIV e XVIII.

En total, o estudo abrangue unha ruta duns 20 quilómetros cunha duración estimada a pé de cinco horas que atravesa Ponte Sampaio, A Canicouva, Vilaboa, Figueirido e Bértola, Tomeza, Salcedo, Marcón, Pontevedra cidade, Lérez, Alba e Cerponzóns. Ademais, tal e como adiantou a concelleira de Turismo, Yoya Blanco, presente no acto, está previsto colocar códigos QR nos bens e lugares catalogados, que dirixirá a unha ficha descritiva con fotos e unha peza audiovisual narrada por un veciño do lugar.

Do mesmo xeito, sinalizaranse itinerarios próximos para coñecer puntos de interese desviándose do Camiño de Santiago. "Entrevistamos a peregrinos e moitos non sabían nada, por exemplo, da batalla de Ponte Sampaio", indicaba este mércores Quintía. Deste xeito, para completar a historia de Pontevedra sinálanse puntos como a capela de San Cibrán, en Tomeza. O obxectivo, segundo Quintía, é lograr que "quen veña a visitarnos non considere Pontevedra un lugar de paso, senón un lugar para quedar e coñecer ese patrimonio material e inmaterial", dixo o antropólogo. Tamén García Bóveda destacou a importancia de poñer en valor todos os sectores implicados no Camiño. "É unha recuperación da nosa cultura dende unha óptica anovada, un novo prisma da nosa memoria", definiu.

Pola súa banda, o presidente do colectivo Amigos do Camiño Portugués a Santiago, participou tamén na presentación recordando que "Pontevedra é a capital do Camiño Portugués" e incidindo na necesidade de recuperar a mobilidade para que o fluxo de peregrinos volva á normalidade tras a pandemia.

Comentarios