jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

O Camiño Norte reactiva a súa esencia

Varios peregrinos, no albergue de Baamonde. TANIA FORJA
Varios peregrinos, no albergue de Baamonde. TANIA FORJA
Uns 1.500 peregrinos xa pasaron por esta ruta xacobea no que vai de ano, lonxe das cifras do 2019 pero cunha clara tendencia á alza tras os meses máis duros da pandemia do covid

Lonxe quedan aquelas imaxes de grandes grupos de peregrinos atravesando varios concellos chairegos polo Camiño Norte en dirección a Santiago de Compostela, pero pouco a pouco a ruta xacobea vai recuperando o pulso e volve recibir camiñantes que apostan por esta variante, recoñecida como Patrimonio Mundial da Unesco hai seis anos, para acadar a súa compostela.

No que vai de ano, e tendo en conta que en febreiro e marzo as restricións polo covid-19 fixeron que non se rexistraran peregrinos, xa pasaron polo Camiño Norte 1.513 persoas: tres en xaneiro, 28 en abril, 154 en maio, 721 en xuño e 607 no que vai de xullo.

As cifras están moi lonxe das recollidas en anos anteriores á pandemia, como ocorreu no 2019, con 18.714 peregrinos –no 2018 foi o récord, con 19.040–, dos que 1.829 pasaron en maio, 2.671 en xuño ou 4.274 en xullo, o mes máis numeroso, por poñer algúns exemplos. Mais as do 2021, o primeiro do Xacobeo 21-22, invitan a pensar que as rutas xacobeas seguen sendo un atractivo turístico, relixioso e cultural que non perden adeptos.

Xa se deixa ver a tendencia á reactivación tras superar o peor da pandemia

No 2020, ata a declaración do estado de alarma rexistráronse 207 camiñantes. O primeiro notificado no Camiño Norte na pandemia foi en xuño, que ademais foi o único nese mes. En xullo houbo 600 –cifra xa superada no que vai do mesmo mes este ano–, en agosto 1.803, en setembro 743, en outubro 393, en novembro 51 e en decembro un.

A tendencia á reactivación do Camiño de Santiago é patente en todas as rutas xacobeas, xa que no que vai de ano entregáronse 30.259 compostelas, pasando, por exemplo, das 194 de marzo ás 4.295 de maio ou as 14.825 de xuño. Nos primeiros once días de xullo, xa se outorgaron 9.847.

Esta recuperación de seguro é ben recibida polos nove albergues que hai na comarca chairega, tres públicos e seis privados, que xuntan entre todos 331 prazas.

Aos aloxamentos públicos de Baamonde, Vilalba e Gontán, abertos nos anos 1998, 2000 e 2007, respectivamente, uníronse nos últimos anos neste tramo do Camiño Norte outros seis privados: Xabarín e Goás, en Abadín; Xistral en Castromaior, Castelo e As Pedreiras, en Vilalba, e Witericus en Santa Locaia, en Guitiriz.

O Camiño Norte reactiva a súa esencia
comentarios