A cátedra do Camiño impulsa 'Rede Xacobea', unha base de datos da peregrinación a Compostela

A iniciativa é deseñada e recompilada por Paula Pita Galán
Peregrinos en el Camino. EP
photo_camera Peregrinos en el Camino. EP

Sae á luz a base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos do Camiño de Santiago Rede Xacobeo, unha ferramenta de investigación que alberga datos actualizados dos investigadores vivos, institucións, actividades académicas e revistas dedicadas ao estudo do mundo xacobeo e as peregrinacións.

Deseñada e recompilada por Paula Pita Galán, esta iniciativa é froito dos proxectos de investigación financiados en 2020 ao amparo da cátedra do Camiño e as peregrinacións, cuxa creación é resultado da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta.

O principal obxectivo de Rede Xacobea é fomentar o contacto, traballo e adquisición de recursos científicos e didácticos para investigadores, divulgadores e docentes co propósito de facilitar a comunicación entre os axentes que de xeito independente desenvolven estudos xacobeos.

O principal obxectivo é fomentar o contacto, traballo e adquisición de recursos científicos e didácticos

"Desta forma, preténdese consolidar a creación dunha rede xacobea mundial a partir da cal crear sinerxías e revitalizar os estudos sobre o Camiño de Santiago, incentivando a organización de actividades académicas, proxectos de investigación, congresos e encontros internacionais, impulsar publicacións científicas e de divulgación, así como mellorar a actividade docente", apuntan desde esta cátedra institucional da USC.

Pita Galán é doutora en historia da arte pola USC, con mención internacional e premio extraordinario de doctoramiento. O seu principal campo de investigación oriéntase cara á arquitectura e o urbanismo da idade moderna pero durante anos desenvolveu tarefas de formación e divulgación relacionadas co Camiño de Santiago.

Comentarios