A cátedra das peregrinacións da USC analizará o papel do Camiño como difusor cultural

Aspectos culturais, históricos, económico-sociais, o turismo e as redes sociais, algúns dos temas que abordará 
Peregrinos haciendo el Camino de Santiago. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Peregrinos facendo o Camiño de Santiago. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións, creada pola Universidade de Santiago en colaboración coa Xunta -a través de Turismo de Galicia- e a Fundación da Catedral de Santiago, profundará no papel do Camiño e do Xacobeo como difusores culturais para Europa, á vez que analizará algunhas das súas principais características históricas, artísticas, sociais e económicas. 

A cátedra está formada, de momento, por cinco cursos MOOC -Massive Open Online Course-, é dicir, online, gratuítos e pensados "non só para universitarios -que recibirán un crédito ECTS e un diploma acreditativo-, senón tamén para todo aquel que queira ampliar os seus coñecementos sobre o camiño de Santiago". 

Así o explicou o director da Cátedra, Miguel Taín Guzmán, este venres na presentación dos cursos de formación no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, en Compostela, onde estivo acompañado ademais polo reitor da USC, Antonio López; o responsable da Fundación da Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos; e o vicepresidente, Alfonso Rueda. A matrícula para os tres primeiros cursos formativos, que estarán dispoñibles a través da plataforma MIRIADAX, pódese realizar a partir deste venres e, segundo comentou o director da Cátedra, comezarán o próximo 25 de marzo e prolongaranse durante seis semanas. 

"O obxectivo destes cursos é, ademais de difundir os valores do Camiño, promocionar a investigación e a cultura xacobea dunha forma que sirva de mutuo enriquecemento cultural", explicou Taín Guzmán. A este "dar e recibir" tamén se referiu o responsable da Fundación da Catedral, que destacou o papel do camiño para achegar "o que se facía aquí, que era moito e moi ben feito" aos centros de interese europeos. "O nome da cátedra paréceme moi apropiado porque, do mesmo xeito que os camiños físicos para chegar a Santiago son máis dun, estes cursos non son un ámbito limitado, senón que nos abrirán un universo sen límites", sinalou Lorenzo Santos. 

Alfonso Rueda, pola súa banda, incidiu en que esta cátedra é un exemplo máis de como a pandemia forzou unha "reacción e unha adaptación aos tempos" por parte de todas as entidades colaboradoras co obxectivo de seguir traballando nun Ano Santo 2021, "o máis seguro posible, algo que os visitantes demandarán en canto poidan moverse". "Aínda confío en bater as marcas de peregrinos de edicións pasadas cando se permita a mobilidade. Confío en que as persoas que fagan os cursos se sentan atraídos polo Camiño", desexou Roda.

HISTORIA, ARTE E REDES SOCIAIS. O reitor da USC, do mesmo xeito que o conselleiro de Turismo, espera "que os alumnos se convertan en peregrinos" e valorou ademais a "transversalidade e universalidade" dos cursos, que analizan "todo o que hai detrás do fenómeno Xacobeo". Con esa amplitude de miras asegurou o director da cátedra que orientaron os cursos, cuxo primeiro módulo abordará, en diferentes temas, a historia da peregrinación, o seu patrimonio cultural, a literatura xacobea e os aspectos económico-sociais do camiño. 

O segundo, enfoques didácticos multidisciplinares estará orientado a ofrecer recursos a docentes sobre o camiño e as súas particularidades e centrarase na arte occidental e os recursos turísticos ofrecidos pola ruta xacobea, as súas paisaxes e o papel da música na mesma, "tanto de repertorios cultos como populares". O terceiro, e de momento, último módulo, abordará a difusión en redes sociais do Camiño mediante ferramentas dixitais que expandan a cultura, a literatura, as viaxes e a historia territorial da peregrinación. Tamén neste apartado tratarase a "musealización" da ruta e o papel doutras institucións culturais. 

Taín Guzmán destacou ademais a participación de recoñecidos expertos e docentes nas diferentes áreas estudadas nos cursos como Daniel González Lopo, profesor de historia; a profesora Patricia Fra, que se encargará da literatura xacobea, a escritora Espido Freire ou o historiador e divulgador cultural Miguel Ángel Cajigal, máis coñecido en redes como O barroquista

Comentarios