El tiempo
miércoles. 05.10.2022
El tiempo

Coller os desvíos do Camiño de Novoneyra

Participantes, en Seoane do Courel. MIGUELANXO LAR
Participantes, en Seoane do Courel. MIGUELANXO LAR
Poetas galegos e doutros lugares do mundo realizan a ruta xacobea coa inspiración do último libro do autor do Courel

"Nun rechao asentada/ Parada/ onde a terra dá a volta", dicía Novoneyra no seu último libro publicado, Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, unha xeografía vital e literaria que tiña na súa aldea natal ese xiro, ese inicio e final de verso, onde o mundo enteiro se enfía.

Tamén foi alí que os poetas que iniciaron as terceiras residencias literarias itinerantes na ruta xacobea impulsadas pola Fundación Uxío Novoneyra coa colaboración da Xunta iniciaron o seu camiño. Alí chegaron, dende distintos lugares de Galicia, Carlos Negro, Tamara Andrés e Nuria Vilán, que se xuntaron con poetas doutras latitudes para compartir este peregrinar pola lingua e pola terra: Alessandro Burbank, de Italia; Verónica Aranda, de Madrid, e Mohamed Abdullah, oriúndo de Iraq e residente en Polonia.

                      Poetas no Alto de San Roque.
Poetas no Alto de San Roque. MIGUELANXO LAR

"O lugar axuda a entender a súa obra", dicía Carlos sobre a estadía en Parada, xa saíndo de Samos. E non só a súa obra, senón que "a casa de Novoneyra é un deses puntos que conforman o mapa do que somos como pobo". Tamén Novoneyra quixo no seu libro trazar esa outra cartografía, mítica pero nunca rematada, da Galicia que se abre do Courel a Compostela. Por ese "libro de rotas" -que pola súa viúva sábese que demorou anos en artellar, con centos de deseños dos vellos camiños- anda tamén a lingua, tensada até o albor das cantigas que tamén floreceron a cada paso, flexionada nos infinitos acenos do idioma, "do moito idioma aínda por descubrir dos que viven en terras arredadas", como anotaba o propio autor.

"Hei volver a Novoneyra", contaba Tamara, asombrada da nova dimensión que adquirira nestes días, para ela, a súa obra. E tamén Nuria, que coma o poeta do Courel non concibe a poesía sen o alento da oralidade. E cada día elas van traducindo, facendo pontes do galego ás linguas dos outros participantes, distintas sobre a mesma base do ritmo común dos pasos.

O proxecto destas residencias ten como obxectivo, como indica Branca Novoneyra, "levar a temática xacobea á poesía actual". Algúns dos participantes levan xa parte do Camiño consigo, como Verónica, a quen sempre a viaxe alentou na escrita. "É unha bolsa feita para min", comentaba. Tamén Alessandro, coñecido como The Walking Poet polo camiño que fixo de Turín a Venecia na memoria dun amigo falecido e que agora anda cun proxecto, Il Mangiautore, que une gastronomía e escrita, coma o Novoneyra de Manxar Memoria, que lle confesaba a Emilio Araúxo que dende o Renacemento a xente non se atrevía con ese tipo de poemas, por non consideralos poesía.

E por Samos a Sarria. De Vilafranca ao Cebreiro, do Cebreiro a Triacastela, de Triacastela a Sarria, non sen pasar por Samos, os poetas comezan a escribir no aire o que máis adiante caerá no papel. Alí, co mosteiro ao fondo, Mohamed pregúntase pola relación dos camiñantes cos veciños das aldeas, algunhas case deshabitadas, ou pola cultura que se baleira cando devén nun produto, cuestións presentes na súa obra.

De noite, xa en Sarria, a historiadora da arte Carolina Casal Chico, a maior experta no románico da provincia, fai xirar nestas cuestións un café que, por segundo ano, toma cos participantes das residencias. Porén, dentro dese invento artellado polo poder que foi o Camiño dende os tempos de Xelmírez, como ela indica, nos seus arrodeos tamén medraron flores, inesperadas como as malvas e margaridas que recolle Carlos cada día, as flores da lírica medieval ou dos ceos románicos de pedra que sosteñen os ceos.

"Ao final, o Camiño é o encontro coas persoas, e ese encontro é libre", di Carola, como libres son os textos que os poetas escriben, de maneira conxunta, despois de cociñar uns para os outros. "Cando te vexa o direi/ oh Estrela de Santiago/ e se inda non o fago/ non é porque o non busquei./ A tua luz non atopei./ Sí alleos por compañeiros. /Atopei terra e luceiros/ día e noite os mirei", dicía Uxío, xa cara á fin do libro, tamén á volta destas cuestións que seguen presentes, coma presentes tamén son os desvíos que a cada paso se ofrecen.

Coller os desvíos do Camiño de Novoneyra
comentarios