Entidades piden o Premio Princesa de Asturias para o fundador de Discamino

A Xunta promove a candidatura de Javier Pitillas, por axudar a persoas con discapacidade a percorrer o Camiño

Entidades de Lugo apoian a candidatura de Francisco Javier Pitillas Torra, responsable de Discamino, para a concesión do Premio Princesa de Asturias da Concordia, unha proposta impulsada pola Xunta.

undefinedFrancisco Javier Pitillas (Vigo, 1962) é un sarxento da Policía Local de Vigo, atleta de éxito e fundador no ano 2009 de Discamino, unha iniciativa coa que pretende axudar a persoas con discapacidade a realizar o Camiño de Santiago.

O Goberno autonómico destaca, sobre a súa traxectoria, que Francisco Javier Pitillas colecciona unha carreira brillante en atletismo, xa que foi subcampión absoluto de España dúas veces, internacional en seis ocasións e campión de España de veteranos.

Sinala, ademais, que no ano 1989 aprobou a oposición de Policía Local do Concello de Vigo e seis anos despois tamén aprobou a oposición a sarxento.

En 1996 comezou a compatibilizar o seu labor profesional co de adestrador de atletismo a usuarios da Once, e é aí onde naceu a faísca que o levaría trece anos despois a crear o proxecto Discamino. Foi en 2009 cando naceu esta iniciativa destinada a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a todas as persoas con discapacidade, como unha vía de superación persoal.

A iniciativa conta cun equipo de 90 voluntarios e posibilitou que 115 persoas con discapacidade puidesen realizar o Camiño

O obxectivo non é só o de axudar e visibilizar, senón tamén o de difundir a cultura do deporte, así como o respecto e o recoñecemento á valía de todas as persoas. Para el, o Camiño de Santiago é a fiel imaxe dun itinerario cultural común, centrado na cooperación e a solidariedade.

MÁIS DE 70 RUTAS. Discamino conta con máis de 11 anos ás súas costas, cun equipo de 90 persoas voluntarias e que posibilitou que 115 persoas con discapacidade puidesen vivir esta experiencia. En total, desde 2009 leva xa 72 camiños realizados, entre os que se inclúen dous desde Roma, catro desde Roncesvalles, dúas veces a Ruta da Prata, a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, outra volta pola provincia de Cádiz, outra volta polo Cantábrico, unha ruta polos Alpes ou a Transpirenaica.

Esta iniciativa permitiulle recibir premios á solidariedade como as Medallas Castelao no ano 2014 ou a Condecoración da Orde de Mérito Civil por Felipe VI no ano 2015. As entidades que agora apoian a súa candidatura ao Premio Princesa de Asturias da Concordia insisten en que sería un merecido recoñecemento a unha persoa que conseguiu atopar a través do deporte e do Camiño de Santiago a senda na que deixar o seu legado.

Comentarios