O escape room do Camiño comeza este venres no albergue samonense de Lusío

Ofrecerá preto de 80 sesións repartidas en varios días
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Presentación do escape room na delegación da Xunta en Lugo. AEP

O escape room do Camiño de Santiago que se desenvolverá no albergue da Casa Forte de Lusío, no concello de Samos, ofrecerá preto de 80 sesións. A actividade, impulsada pola Xunta, arrincará este venres e prolongarase ata o día 22.

A iniciativa foi presentada, entre outros, polo delegado da administración autonómica en Lugo, Javier Arias, e o xerente de Lucus Escape Room, Fernando Carballo. Esta empresa é a encargada de realizar a actividade, que é gratuíta e para un público familiar. O único requisito é que os participantes teñan máis de 6 anos.

O programa terá lugar durante os fins de semana, de venres a domingo, entre os días 6 e 22 de maio, ademais do mércores 11 e o xoves 12. Segundo informou a Xunta, están comprometidas preto de 80 sesións, de unha hora de duración cada unha, aínda que, dado o éxito que está a ter a convocatoria, estudarase a posibilidade de amplialas. Prevese que participen máis de 500 persoas.

O escape room é un xogo de escapismo con diferentes probas para completar unha misión baseada no Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22. Os participantes terán que resolver enigmas e probas para avanzar.

A actividade de Samos é a segunda fase dunha iniciativa que antes levou a cabo, cun formato máis reducido, en Betanzos (sobre o Camiño Inglés), Vigo (Camiño Portugués da Costa) e Ourense (Vía da Prata). En todos eles seguiron un guion similar, adaptado a cada ruta xacobea e as características dos albergues, e os participantes debían resolver unha misión deixando unha pista ou proba para o escape room final do albergue de Lusío.

Os interesados en tomar parte da iniciativa deben facelo en grupos de entre seis e oito persoas, que serán guiados por un director de xogos e dous monitores. Poden solicitar máis información e apuntarse a través do correo electrónico [email protected].

Comentarios