Guía científica para peregrinos curiosos

A Xunta presenta 'Camiños de Ciencia', un libro que aborda as rutas xacobeas a partir de cuestións alternativas como a medicina, a astronomía, a botánica, a zooloxía ou a química
Peregrinos, a su paso por Pontevedra, en la Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Peregrinos, a su paso por Pontevedra, en la Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Para peregrinos "intrépidos e curiosos". Así é a guía de viaxe Camiños de ciencia, un proxecto pioneiro realizado por Observer que aborda as rutas xacobeas cunha perspectiva diferente, centrada en ciencias como a medicina, a astronomía, a botánica, a zooloxía ou a química.

A guía, que segue o esquema das etapas oficiais do Camiño Francés e do Camiño de Inverno, percorre 31 municipios das catro provincias galegas e explica de forma divulgativa máis de 100 puntos de interese.

Ademais de ofrecer información básica sobre a organización do Camiño e contidos de turismo científico, tamén recomenda desvíos na ruta para descubrir lugares sorprendentes fóra do itinerario marcado.

O libro foi presentado este luns en Santiago de Compostela polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola directora da plataforma de destinos de turismo científico certificados, Observer, Maite Vence.

Segundo Vence, o patrimonio cultural e natural do Camiño de Santiago pode ser abordado "desde múltiples perspectivas científicas" e a idea desta guía é "ofrecer unha mirada distinta", achegando datos curiosos e interesantes sobre feitos vinculados á ciencia e ao Camiño de Santiago.

Tal e como comentou, trátase dun proxecto "pioneiro", porque non existe ningunha guía semellante desde unha formulación científica.

Aínda que de momento só está dispoñible en galego, preténdese buscar a posibilidade de traducila a outros idiomas. Ademais, conta cunha versión dixital, á que se accede con código QR e que amplía información con outros puntos de interese e geolocalización e coordenadas dos diferentes lugares que contén.

No capítulo introductorio, O Camiño de Santiago, un destino de ciencia a guía inclúe o contexto histórico preciso para conectar coa tradición xacobea, mentres que en Información esencial recóllense aquelas consideracións imprescindibles antes de emprender calquera dos dous camiños abordados.

Xa en capítulos posteriores, o libro penétrase de cheo no Camiño Francés e o Camiño de Inverno.

"Cada etapa diferénciase por puntos de interese concretos e ofrece tamén outras experiencias para que o peregrino poida facer o Camiño e desviarse un pouco máis. É para peregrinos un pouco intrépidos e curiosos, que desexen coñecer o patrimonio non só do Camiño, senón tamén dos arredores", sinalou Vence.

O proxecto centrouse especificamente en el Camiño Francés, que é "o camiño por excelencia", e no de Inverno, xa que "a nivel de patrimonio natural" era, segundo Vence, "dos máis interesantes e necesita un pouco máis de promoción e de interpretación dos recursos".

"É un camiño que pasa polas Medulas e a Ribeira Sacra e persoalmente é dos máis bonitos", comentou, e engadiu que a idea da plataforma é facer no futuro "máis guías" con outras rutas xacobeas.

O último capítulo do libro, céntrase na meta, Santiago, no que se explican datos curiosos sobre a catedral. Un dos redactores, Manuel Vicente, relata que a idea era buscar "a ciencia que está escondida na cidade", con exemplos como a parte matemática que hai tras a única escaleira de tripla hélice do mundo, en Santo Domingo de Bonaval, ou a física do movemento do botafumeiro. Tamén se penetra en "redescubrir" a científicos galegos pouco coñecidos pero que tiveron "unha gran importancia ao longo da historia", como Vicente Vázquez Queipo, autor dunha das obras máis famosas e vendidas da historia da ciencia española, as Táboas de logaritmos, que foi premiada na Exposición Universal de París en 1867.

Datos sobre Antonia Ferrín, primeira muller astrónoma galega e a primeira en España en defender unha tese sobre astronomía; ou sobre Antonio Casares, pioneiro da luz eléctrica en España e da síntese do éter e o cloroformo para anestesias en operacións, completan esta guía, que demostra que a ciencia está en todas partes, tamén no Camiño de Santiago.

Comentarios