Homenaxe ao Camiño Portugués a través da fotografía

Unha exposición do Gaiás, comisariada por Lucía Laín, reúne 120 fotografías de 42 autores ► As imaxes foron tomadas durante o último século e medio ao longo da ruta a Compostela
Fotografía da Praza da Leña (1929- 1936), de Otto Wunderlich, incluída na exposición do Gaiás. CEDIDA
photo_camera Fotografía da Praza da Leña (1929- 1936), de Otto Wunderlich, incluída na exposición do Gaiás. CEDIDA

Imaxes da Pontevedra de comezos de século forman parte da exposición O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que se vén de inaugurar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

A mostra, comisariada por Lucía Laín, reúne 120 fotos de 42 autores diferentes. A través destas imaxes, tomadas entre o século XIX e a actualidade, proponse un diálogo entre o pasado e o presente desta ruta a Compostela.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, inaugurou o pasado mércores esta exposición que percorre visualmente o Camiño desde Porto a Santiago e que permanecerá aberta ao público ata o 17 de abril (terceiro andar, entrada de balde, de martes a domingo e de 10.00 a 20.00 horas).

"Este percorrido aproxímase á riqueza paisaxística e monumental do Camiño Portugués para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e convidarnos a redescubrilo cos ollos de quen o mira por primeira vez", dixo Román Rodríguez, en palabras facilitadas pola Consellería de Cultura.

Joaquín Pintos. Entre os autores que fotografaron as paisaxes e as xentes desta ruta e que aparecen compilados nesta exposición, están José Suárez, Otto Wunderlich, Carmenchu Alemán, José Moreira, Joaquín Pintos, Jaime Pacheco ou Vari Caramés.

Polo que se refire á parte portuguesa, as imaxes que aparecen foron sacadas por fotógrafos como Artur Pastor, Emilio Biel, Alberto Marçal Brandão, Octávio Lixá Filgueiras, Nicolás Muller, Juan Rodríguez, Juan Manuel Castro Prieto, Guedes, José Gouveia Gomes Junior, Aurelio Paz dos Reis ou Helga Schmidt-Glassner.

Canda todas estas imaxes de carácter máis documental, a exposición compila obras de creadores emerxentes que traballan coa fotografía, tanto a unha beira como á outra do Miño.

Son concretamente Luis Vioque, Verónica Vicente, Iñaki Matilla, Nicolás Combarro, Antón Buciños, Blas González, Eva Díez, Jesús Madriñán, María Messeguer, Miguel Muñiz, Luis Otero, Roberto de la Torre, Keila Pousa, Fernando Rey Daluz, Modesto Martínez, Carla Andrade e Tono Arias.

"As imaxes dunhas e doutros técense con referencias literarias de autoras e autores que retrataron con palabras ese mesmo camiño e as xentes que o percorreron e o transitan, desde Miguel de Unamuno a Luís de Camões, Catherine Gasquoine, Rosalía de Castro, Antonio da Costa ou Emilia Pardo Bazán", engade a Consellería de Cultura.

Esta exposición realízase despois dun importante traballo de investigación realizado por Lucía Laín, que contou coa colaboración de entidades, asociacións, colectivos e particulares implicados na recuperación do patrimonio fotográfico local dos municipios que percorre o Camiño Portugués, tanto en España como en Portugal.

Museo de Pontevedra. Segundo sinalan os promotores da proposta, a mostra inclúe fotografías pertencentes aos Arquivos Municipais do Porto e de Lisboa, ao Centro Portugués de Fotografía, ao Instituto do Patrimonio Cultural de España, á Colección Ana Muller do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid, ao Arquivo Fotográfico Pacheco do Concello de Vigo, ao Arquivo José Suárez ou o Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Por suposto, tamén ao Museo de Pontevedra.

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a paixón de Lucía Laín pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballou como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemorográficos.

Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis dunha ducia de exposicións e a documentar producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre) ou Marañón en Toledo (José Luis López Linares), entre outras.

Durante a súa intervención na inauguración da mostra, o conselleiro de Cultura eloxiou o traballo que realizan as institucións que protexen o patrimonio fotográfico. Ademais subliñou como grazas a iniciativas coma esta se pode afondar "na irmandade entre os territorios, a lingua e os pobos portugueses e galegos, unidos neste percorrido a través dun outeiro desde o que contemplar este trazado común da historia onde as fronteiras se dilúen e os relatos se unen para virar nun só que se transmite canda os ecos do Camiño".

Así, a través desta exposición, unha serie de fotógrafos que traballaron ao longo de século e medio "préstannos os seus ollos para que nos embebamos das imaxes e as emocións que asaltan a quen visita cada un deses lugares e as poidamos vestir como unha segunda pel".

Ademais do conselleiro, na inauguración da mostra estiveron presentes a comisaria da exposición, Lucía Laín; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, ademais de varios fotógrafos .

Comentarios